• Quejas y sugerencias.
  • Localización y Contacto
AGACA
  • Nosotros
    • Quienes somos
    • Equipo Técnico
    • Organigrama
    • Referencias Históricas
  • Servicios
    • Consultoría
    • Formación
    • Seguros
    • Calidad
    • Datos
  • Cooperativas
  • Iniciativas
  • Cursos
  • Publicaciones
  • PRENSA
    • Revista
    • Hemeroteca
    • Prensa histórico
  • Audiovisual
  • Blog
  • Español
  • Gallego
Sin resultado
Ver todos los resultados
AGACA
  • Nosotros
    • Quienes somos
    • Equipo Técnico
    • Organigrama
    • Referencias Históricas
  • Servicios
    • Consultoría
    • Formación
    • Seguros
    • Calidad
    • Datos
  • Cooperativas
  • Iniciativas
  • Cursos
  • Publicaciones
  • PRENSA
    • Revista
    • Hemeroteca
    • Prensa histórico
  • Audiovisual
  • Blog
  • Español
  • Gallego
AGACA
Sin resultado
Ver todos los resultados
Home Blog

—José Ramón Ratón: “Temos que construír a AIRA do futuro”

Entrevista ao presidente de Aira en Cooperación Galega nº 178

25 de junio de 2026
en Blog
—José Ramón Ratón: “Temos que construír a AIRA do futuro”
Compartir en FacebookCompartir en Twitter

José Ramón Ratón Varela asume a presidencia de AIRA nun momento clave para a cooperativa e para o sector gandeiro galego. Gandeiro en Riazón SC, en Chantada, e cunha longa traxectoria no cooperativismo, afronta esta nova etapa co obxectivo de consolidar o crecemento acadado, reforzar a proximidade coa base social e seguir xerando valor para as explotacións socias. Nesta conversa fala dos retos de AIRA, do papel das mulleres e da mocidade, dos investimentos en transformación, alimentación animal e servizos, e tamén da súa experiencia á fronte do LIGAL nun contexto de cambios profundos para o sector lácteo.

Nova etapa á fronte de AIRA

Asumes a presidencia de AIRA tras formar parte xa do Consello Reitor. Que significa para ti este paso, tanto a nivel persoal como profesional?

Empecei no Consello de ICOS con 25 anos, nunha votación de listas abertas. Logo, coa integración das cooperativas, pasei ao Consello de AIRA e, despois de sete anos, tiña claro que ou daba un paso adiante ou un paso ao lado. O ano pasado, tras a xubilación de varias persoas que son nomes importantes na historia de AIRA e do cooperativismo, empezouse a formar unha candidatura moi ilusionante, e iso axudoume a tomar a decisión.

A verdade é que, cando o penso con calma, dá un pouco de vertixe, pero logo, cando un se mete en faena, xa se esquece. Son unha persoa sempre disposta a arrimar o ombreiro alí onde poida achegar algo, e AIRA é un proxecto apaixonante, con moitas posibilidades e ámbitos de traballo nos que mellorar e sumar valor para os socios e socias.

A nivel persoal esixe moito: ás reunións, chamadas e actos hai que sumarlle moitas horas de darlle voltas á cabeza, tempo que se lle quita ao descanso ou á familia. Pero para min é un orgullo presidir esta cooperativa e intentar contribuír ao máximo para mellorala. Tamén o fai máis sinxelo contar cun equipo directivo con moita experiencia e cun Consello Reitor sempre disposto a colaborar. E, por suposto, coa familia: pais, irmáns, parella… Sen o seu apoio sería imposible levar todo adiante.

Que prioridades marcas para esta nova etapa? Hai algunha liña de traballo que che gustaría reforzar especialmente?

Nesta etapa o obxectivo é consolidar AIRA nos números e na actividade acadada nestes anos, mellorando todas as áreas de traballo e construíndo a AIRA do futuro. Temos como prioridade achegarnos máis aos socios e socias para que se sintan unha peza fundamental da cooperativa. Sen eles, AIRA non ten sentido.

Queremos seguir medrando en abastecemento e servizos, pero tamén en transformación e comercialización de leite e carne. En definitiva, achegarlle á base social todo o que poidamos para que as granxas sexan máis rendibles e gañen calidade de vida.

“AIRA é un proxecto apaixonante, con moitas posibilidades para mellorar e sumar valor aos socios e socias”

Evolución e dimensión da cooperativa

Nos últimos exercicios falouse dunha facturación por riba dos 200 millóns de euros e dun importante volume de actividade en leite, alimentación animal e servizos. Que supón esta dimensión para as persoas socias?

Ás veces os socios non somos conscientes do que temos ao formar parte de AIRA. Somos un dos maiores fabricantes de pensos de vacún de leite de España, temos a maior frota de carros mesturadores, un dos maiores parques de maquinaria de Galicia, contamos cunha planta de mestura húmida, transformamos unha cantidade importante de leite e comercializamos tanto leite coma carne das ganderías socias, a maiores de todos os servizos que ofrecemos.

Está claro que o sector non sería igual sen Aira. Todo isto supón para as explotacións prezos máis axustados, unha maior variedade de servizos e a capacidade de afrontar investimentos importantes que xa están a mellorar a rendibilidade das granxas e seguirán facéndoo no futuro.

Como se consegue manter o equilibrio entre ser unha cooperativa con gran dimensión empresarial e seguir estando próxima ás explotacións socias?

É complicado, porque ao medrar pérdese parte desa proximidade onde nos coñecemos todos, algo máis habitual nas cooperativas pequenas. En AIRA intentamos, a través dos traballadores que visitan as granxas case a diario, manter contacto constante cos socios e socias, coñecer as súas preocupacións e necesidades e canalizalas para que non queden no esquecemento.

Ademais, estamos traballando nunha serie de iniciativas que se poñerán en marcha na segunda metade deste ano e que cremos que van reforzar o sentimento de pertenza.

De todos os xeitos, é difícil. Os nosos pais e avós crearon as cooperativas poñendo cartos que non tiñan, traballando de balde, construíndo naves, ensacando penso ou manexando maquinaria. Vivían o cooperativismo doutra maneira. As xeracións máis novas temos unha relación diferente coa cooperativa, somos máis individualistas e menos dados a xuntarnos para crear cousas colectivas. É algo no que estamos poñendo moito interese, porque a cooperativa sen os socios e socias non ten futuro nin razón de ser.

“A cooperativa sen os socios e socias non ten futuro nin razón de ser”

Novo Consello Reitor, mulleres e mocidade

Que achega a participación feminina aos órganos de goberno dunha cooperativa como AIRA?

Se miramos ao sector, tanto no vacún de leite como no de carne, en moitas ganderías son as mulleres as que están á fronte ou levan o maior peso da explotación. Polo tanto, non ten sentido que o Consello da cooperativa estea formado só por homes.

Todas elas xestionan granxas importantes e achegan moito no Consello Reitor de AIRA. Ademais, moitas son tamén nais e asumen o peso da organización familiar e do coidado das persoas maiores. A súa participación na toma de decisións da cooperativa é moi importante.

No caso da xente nova, que cres que precisa hoxe unha persoa para decidir quedar no sector gandeiro e implicarse nun proxecto cooperativo?

O primeiro é que che guste. Aínda que hoxe é un sector atractivo, con boa rendibilidade e calidade de vida en moitas granxas tecnificadas, tamén hai que afrontar numerosos retos: altos investimentos, burocracia, normativas, ataques da fauna salvaxe, problemas coa terra, enfermidades emerxentes ou a volatilidade dos mercados.

Formar parte dunha cooperativa da dimensión de AIRA ofrece seguridade, estabilidade, servizos e asesoramento a prezos competitivos, ao tempo que contribúes a facer medrar unha entidade que inviste no rural e axuda a fixar poboación. Aínda nos queda camiño por percorrer, pero hai moitos exemplos no mundo de cooperativas que achegan moito valor e seguridade ás explotacións socias.

Que papel pode xogar AIRA para motivar esa incorporación de mozos e mozas, tanto ás ganderías como á vida interna da Cooperativa?

AIRA ten que seguir mellorando servizos, avanzar na transformación e comercialización de leite e carne e acompañar de preto ás persoas que se incorporen á actividade. Se se senten apoiadas pola cooperativa, será máis doado dar o paso.

Proxectos e investimentos

AIRA está a desenvolver investimentos relevantes nas súas instalacións e liñas de actividade. Que proxectos estratéxicos destacarías neste momento?

En AIRA estamos en continuo crecemento, sempre temos máis proxectos que capacidade de investimento. Levamos executado 50 millóns de euros en investimentos nos oito anos de funcionamento.

Agora mesmo estamos moi centrados en mellorar as instalacións que e seguir aumentando a nosa capacidade de produción de pensos, mesturas e transformación de leite. Todos os proxectos son importantes: as granxas necesitan vender ben o leite e a carne, pero tamén contar con bos servizos e insumos. Non podemos descoidar ningunha parte da cadea.

Nos medios publicouse que a cooperativa prevé investimentos nas plantas de Palas e Melide. Que obxectivos perseguen estas actuacións e que poden achegar ao futuro da cooperativa?

En Melide imos realizar un investimento importante para ter unha produción aínda máis eficiente e fabricar novos produtos cos que abrir novos mercados con propostas de alto valor producidas case ao detalle para as necesidades de cada cliente.

En Palas temos un proxecto moi ilusionante. Levamos un ano traballando en novos artigos e referencias e neste 2026 realizaremos un investimento importante para sacalas adiante. Queixos de Galicia ten un gran futuro por diante e vainos dar moitas satisfaccións. García Baquero é unha gran empresa cunha longa traxectoria e un amplo coñecemento do mundo do queixo e un moi bo posicionamento nos mercados españois e internacionais e está a resultar moi doado traballar xuntos neste proxecto de Queixos de Galicia.

Tanto estes proxectos como os que se poidan levar a cabo no futuro perseguen achegar valor e estabilidade ás persoas socias, diversificando mercados nun mundo cada vez máis cambiante e no que hai que ter ovos en todas as cestas.

Tamén se ten falado do ámbito da alimentación animal, das mesturas húmidas e do apoio técnico ás ganderías. Como está evolucionando esta área?

Damos máxima importancia a esa área, xa que é fundamental para as granxas contar cos mellores alimentos para as súas vacas. Precisamente en AIRA temos un grandísimo equipo non só en alimentación, senón tamén noutras áreas que están directamente relacionadas como veterinarios, técnicos de campo, condutores de carros, mecánicos, transportistas  etc. Contamos cun moi bo equipo que está a carón dos socios e socias cando o necesitan.

Ademais temos cunha fábrica de pensos moi moderna que nos permite facer fórmulas personalizadas usando unha gran variedade de ingredientes e adaptarnos rapidamente a un mercado de materias primas moi cambiante. Os concentrados para granxas con robots de muxidura é outro dos nosos puntos fortes, xa que a súa demanda medra a gran velocidade ano tras ano.

No caso das mesturas húmidas, actualmente non podemos incorporar máis persoas socias debido á capacidade limitada da planta de Sarria. Por iso, xa temos previstas unha serie de melloras para ser máis eficientes e poder dar servizo a un maior número de animais. Ao mesmo tempo, estamos valorando a posibilidade de facer unha nova planta noutra localización, aínda que é un proceso que require un estudo profundo e tempo. Estou seguro de que máis pronto que tarde, en AIRA teremos outra planta de mestura húmida.

En definitiva, todo este traballo permítenos seguir ofrecendo produtos e asesoramento de alta calidade, contribuíndo a que as granxas sexan máis eficientes e con excelentes resultados.

Hai proxectos vinculados á recría, á alimentación ou á transformación láctea que consideredes especialmente importantes para os próximos anos?

Estamos a impulsar numerosos proxectos en todos os ámbitos que suporán melloras significativas para os socios e socias, construíndo pouco a pouco, pero avanzando con paso firme.

Sector lácteo e experiencia no LIGAL

Vés tamén dunha etapa como presidente do LIGAL, nun momento complexo para o sector lácteo. Que aprendizaxes levas desa responsabilidade?

Formar parte da directiva do LIGAL durante sete anos, dous deles como presidente, resultou moi enriquecedor. Alí́ coincidín con moi boas persoas, cunha ampla traxectoria e relevancia no sector e sempre dispostas a axudar, o que me permite ter outra perspectiva e coñecer moito mellor o sector.

Que papel debe ter un laboratorio interprofesional como o LIGAL nun contexto no que a calidade, a transparencia e a confianza son cada vez máis importantes?

Temos un dos mellores laboratorios de Europa, no que se están acometendo grandes investimentos en tecnoloxía e melloras que nos dan maior seguridade e capacidade de adaptación nun contexto cambiante. É dos poucos foros, se non o único, no que industrias e gandeiros negociamos en igualdade de condicións para establecer regras de xogo que garantan a calidade e seguridade do leite.

Revisando os datos históricos vese unha mellora continua na calidade do leite galego, e tamén na seguridade do produto, con protocolos estritos de monitorización de residuos e contaminantes emerxentes que colocan o leite como un dos alimentos máis seguros do mercado. Isto é posible grazas a todos os que intervimos na cadea, pero o labor do laboratorio é crucial para que siga sendo así́.

Un dos temas técnicos que xerou debate foi a crioscopía. En que punto está esta cuestión e que reflexión fas sobre a necesidade de estudos, criterios claros e seguridade para produtores e industria?

Coa chegada do calor moitas granxas sufriremos variación no punto crioscópico, algo que sucede todos os anos. O laboratorio limítase a medir ese dato cunha metodoloxía auditada e numerosos autocontrois que garantan que non haxa ningún fallo. Neste sentido, volvo recalcar a neutralidade e altísima fiabilidade que nos ofrece o LIGAL.

Creo que deberiamos afondar en estudos para ver como afecta á crioscopía factores como as altas temperaturas, o tipo de granxa ou o sistema de muxidura para entender mellor estas variacións.

“O obxectivo é que as granxas sexan máis rendibles e gañen calidade de vida”

Retos do sector e cooperativismo

Cales son hoxe os principais retos das ganderías socias de AIRA?

As granxas enfrontámonos a moitos desafíos: cambio climático, cada vez máis burocracia e normativas (moitas veces feitas de costas aos gandeiros), escaseza de man de obra, estrutura da terra e unha mala ordenación do territorio, ou desconexión dos habitantes do rural coas granxas, por non falar das continuos cambios no contexto internacional que afectan de maneira moi rápida aos mercados.

A pesar diso, hoxe as granxas de AIRA están fortemente tecnificadas e dimensionadas para afrontar estes retos con garantías achegando produtos de altísima calidade capaces de competir en calquera mercado e gandeiros preparados que podemos traballar con comodidade e ter unha alta calidade de vida.

Que valor diferencial achega o modelo cooperativo fronte a outras fórmulas empresariais?

Na cooperativa unimos forzas para, aínda sendo pequenos, ter capacidade de decisión nos mercados, o que dende a perspectiva individual sería imposible. A maiores, a cooperativa permite xerar valor e crear unha gran entidade na que todos temos voz, voto e propiedade. A cooperativa é dos socios e socias e sempre vai traballar buscando o mellor para estes.

Como imaxinas AIRA dentro de dez anos?

Non sei como será́ AIRA en 10 anos, xa que máis que marcarnos unha única meta fixa a longo prazo, traballamos para mellorar constantemente. No 2018 nin tan sequera soñabamos con chegar onde estamos oito anos despois. Chegar ata aquí foi posible grazas á confianza dos socios e socias, pero tamén á valentía de cooperativas que apostaron por sumar forzas en vez de camiñar por separado.

A cooperativa será́ o que queiran os socios e socias; son os donos e os artífices de que chegásemos onde chegamos. Teño claro que se seguen apostando por ela como ata agora o futuro é prometedor.

Máis persoal

Ti tamén es gandeiro, na granxa Riazón SC, en Chantada. Como inflúe esa experiencia diaria na túa maneira de entender a presidencia de AIRA?

É fundamental que os gandeiros esteamos nos lugares de decisión. Todas as visións son moi importantes, pero os que estamos todos os días nas granxas temos moito que achegar. Coñecemos de primeira man as necesidades e os problemas dos socios e socias porque nós tamén os sufrimos.

 

 

  • Facebook
  • Twitter
Tweets by CoopsAGACA

Asociación Galega de Cooperativas Agrarias

Santiago de Compostela
Delegación Lugo
Delegación Ourense

Teléfono sede central: 981.58.47.83
Correo electrónico sede central:
agaca@agaca.coop

Menú

  • Contacto
  • Trabaja con nosotros
  • Aviso legal
  • Política de calidad
  • Política de privacidad
  • Perfil del contratante
  • Protocolo prevención acoso sexual
  • Quejas y sugerencias. Asesoramiento al ganadero
  • Canal Interno de Información
  • Comunicación a proveedores
  • Español
  • Gallego

Participa

© 2020 Asociación Galega de Cooperativas Agrarias.

Sin resultado
Ver todos los resultados
  • Nosotros
    • Quienes somos
    • Equipo Técnico
    • Organigrama
    • Referencias Históricas
  • Servicios
    • Consultoría
    • Formación
    • Seguros
    • Calidad
    • Datos
  • Cooperativas
  • Iniciativas
  • Cursos
  • Publicaciones
  • PRENSA
    • Revista
    • Hemeroteca
    • Prensa histórico
  • Audiovisual
  • Blog
  • Español
  • Gallego

© 2020 Asociación Galega de Cooperativas Agrarias.