- O Centro Rede Eusumo Fundación Feiraco recibirá mañá a un grupo de estudantes do instituto compostelán Pontepedriña.
- Participarán nunha charla informativa, impartida por técnicos da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), e coñecerán as instalacións da cooperativa láctea.
- A actividade forma parte da Rede Eusumo para o Fomento do Cooperativismo e a Economía Social.
Técnicos de AGACA impartirán mañá unha xornada didáctica sobre as vantaxes do cooperativismo como fórmula de emprendemento e de estabilidade laboral e económica para o alumnado de primeiro curso de Bacharelato do IES Pontepedriña, de Santiago de Compostela.
O obxectivo da charla, enmarcada nun “Obradoiro de Emprendemento Cooperativo Eusumo”, é darlles a coñecer este modelo de negocio aos mozos e mozas, para que o teñan en consideración, ao finalizar os seus estudos, como opción de futuro profesional. Para exemplificar as explicacións, mostraranse experiencias de emprendemento e cooperativismo que se asentaron con éxito no medio rural galego, en diversos sectores de negocio, tales coma as cooperativas Agris, Amarelante, Cume do Avia, Erica Mel e Horsal, do sector agroalimentario; Pía Paxaro, de ocio, ou E. Ferro e Idoia Cuesta, de artesanía.
Logo da charla formativa, visitarán as instalacións da cooperativa láctea Feiraco, para coñecer, guiados polo persoal da entidade, os pormenores do seu funcionamento
Rede Eusumo
Asesoramento, orientación, formación, acompañamento nas iniciativas empresariais, apoio á internacionalización, celebración de encontros internacionais e transfronteirizos, intercambio comercial e cooperación transversal definen a rede transversal de colaboración Eusumo, nacida no 2011 co impulso da Consellería de Economía, Emprego e Industria.