- A xornada “Incorpórate”, organizada por AGACA e Obra Social “la Caixa” , para promover a inserción laboral de persoas mozas en profesións agrogandeiras de zonas rurais reuniu esta mañá a 140 persoas en Santiago de Compostela.
- Seis produtores que, sendo mozos, inciaron proxectos que se manteñen con éixto nos sectores gandeiro, vitivinícola, hortícola e forestal deron a coñecer os seus proxectos nunha mesa redonda na que, ademais, interveu Ángeles Vázquez, conselleira do Medio Rural.

Unhas 140 persoas, entre estudantes de escolas agrarias, xoves produtores e produtoras e titulares de explotacións e cooperativistas con intención de deixar en continuidade as explotacións a fillos e fillas tomaron parte esta mañá en Santiago na xornada “Incorpórate” onde se expuxeron tendencias e estratexias de comercio, mercado e márketing.
Distribución
O director de compras de Vegalsa/Eroski destacou que para ter éxito “é importante coñecer os demais mercados, así como a innovación e mellorar a experiencia de compra do consumidor”.
De cara ao produtor, afirmou que “un valor forte de Vegalsa é que consideramos que somos de aquí e sempre trataremos de apoiar aos sectores produtivos de Galicia Valor forte de Vegalsa: consideramos que somos de aquí e sempre trataremos de apoiar sectores produtivos de Galicia.
Industria
Juan Méndez, profesor de Industrias na Universidade de Santiago, apuntou que “as tendencias en consumo, como reflicten as grandes marcas, valoran cuestións como saúde, comodidade, medio ambiente e baixo prezo”. Tamén, o complicado de diferenciarse en vendas por Internet, onde “o 20% das referencias copa o 80% do mercado”.
Ás empresas recomendoulles atender aos salarios: “A sociedade non funciona con soldos de 600 euros. Unha persoa moza que cobra menos de 600 euros non consome. As empresas que pagan iso longo prazo non fan un favor ao mercado, nin sequera a elas mesmas”.
Produción e comercialización
Juan Vázquez. Vicepresidente da adega cooperativa Martín Códax e presidente do Clúster Alimentario de Galicia, falou do seu “orgullo como viticultor” e da traxectoria de Martín Códax para diferenciarse como marca dende o nacemento en 1985: “A tendencia no mercado era que os viños tiñan que demostrar categoría, con nomes de castelos e aristocracia” e prezos altos.
Porén, explicou que a crise económica fixo que deixase de ser tendencia “presumir do prezo dun banquete”.O consumidor, dixo, preocúpase non só de que unha empresa teña responsabilidade social corporativa senón tamén de “non o traizoe” e pide ás empresas que sexan “comprensivas, responsables e humanas” e “non queiran hipotecar o futuro de ninguén coas túas accións empresariais”. Na actualidade, asegura Vázquez, “saímos do armario e presumimos de cooperativistas porque podemos contar ao consumidor cómo obtemos as uvas, os produtos e as innovacións da adega”.
Coloquio de emprendedores
Xosé García (socio de Cooperativa de Lemos), investiu 16000 euros nunha muxidora portátil para a súa explotación. Mellora así o benestar animal, di, pois as vacas pasan menos tempo estabuladas e aforra tempo de traslado do gando. Elabora iougures, xeados e queixos e tona pasterizada que vende na súa propia tenda e en pequenos comercios.
Tamén gandeiro é Román Torres, socio de Agris, que acadou a rendibilidade perfeccionando o manexo. A súa explotación conta con 240 animais e 66 ha para produción de forraxes propias. En 2016 obtivo 11300 quilos por vaca de media (en 305 días). Segundo expuxo considérase “afortunado de poder mellorar a explotación dos seus pais”, con quen segue a traballar.
Rafael Camaño, de Gandería Xirome, conta cunha granxa modelo de produción láctea, tamén tras mellorar a granxa familiar. Como visión de futuro busca aumentar o rendemento dos animais ata os 38-40 litros diarios, que considera factible cun bo manexo e instalacións para as vacas. Para si mesmo e outros profesionais, reclama maior integración de xeito que melloren as condicións laborais adquirindo dimensión: “Eu prefiro gañar 1.000 euros e ter vida a obter 3.000 ou 4.000 e vivir só para traballar”.
O barcelonés Javier Cabrera fundou en Galicia Resega Montes, empresa que aposta pola xestión de montes e a extracción de resina de coníferas mediante un procedemento innovador de electroestimulación; tamén fomenta a investigación para novos usos de reisna.
En canto ao cultivo da terra, Alberto Amil, presidente da cooperativa Horsal, ten unha explotación hortícola que facturou 125.000€ en 2016, con 15.000 m2 e 8000 m2 ao aire libre. Afirma que é imprescindible a xente nova no campo: “A súa formación, profesionalización e mentalidade son distintas que as dos maiores” o que según di, facilita que se adopten mellores estratexias de produción e colocación de produto na cadea.
Pola súa banda, Juan Allegue, vicepresidente da adega cooperativa Martín Códax, favoreceu a xestión viñedos familiares sobre a súa formación académica como filólogo, contradicindo, segundo el “a opinión arraigada de que o traballo no campo é para xente sen estudos”. O pasado ano superou os 100.000 euros de facturación.
Compromiso co desenvolvemento rural
O presidente de AGACA, José Montes, destacou que cómpre “compartir para aprender” polo que ofreceu a AGACA como “vehículo que tende redes” onde facilitar a aparición de iniciativas empresariais, conseguir orientación sobre financiamento e solicitude de axudas e proxectos de innovación sustentable.
Pola súa banda, o director territorial de CaixaBank, Mark Marc Benhamou mostrou o apoio do banco e a Fundación Obra Social “la Caixa” coas iniciativas de mellora social no rural así como co desenvolvemento económico das explotacións mediante, indicou Benhamou, “a tramitación da PAC ou a posta en marcha de grupos de desenvolvemento rural”.
Pola súa banda, Laura Lema responsable negocio agrario de CaixaBank en Galicia, expuxo as opcións da entidade para o sector agrogandeiro, coma os microcréditos MicroBank. Destacou ademáis as operacións de banca e o asesoramento personalizado para profesionais do sector a través de Internet, así como as liñas de fomento á comercialización na Rede, axudando á dixitalización dos negocios, pois, afirmou, é “imprescindible dispoñer dese escaparate ao mundo”. Tamén sinalou que “o 50% dos beneficios da entidade se destinan a Obra Social”, permitindo desenvolver programas coma “Incorpórate” ou os diversos Premios a Emprendedores que convoca.
Apoio institucional

Durante a inauguración de “Incorpórate”, Cecilia Vázquez e Belén do Campo, directoras xerais, respectivamente, de Xuventude, Participación e Voluntariado e de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, incidiron no respaldo da Xunta de Galicia á xuventude mediante o aumento este ano dun 3% nos investimentos en programas de apoio á xuventude e incentivación laboral e incidiron na necesidade de que produción, industria e distribución formen unha cade a”ligada” pois “non pode haber xente nova que se incorpore se non atopan quen lles venda o produto”, segundo do Campo.
Pola súa banda, Ángeles Vazquez, durante a súas intervencións durante o coloquio e a clausura, agradeceu poder oír de primeira man as inquedanzas dos participantes e afirmou que a Consellería presentou este ano 158 proxectos relacionados con desenvolvemento rural e conta con 190 millóns de euros para investir en transformación.
Destacou que cómpre equiparar as zonas rurais ás urbanas para fixar poboación e emprego no rural e acadar unha “renda digna, os mesmos servizos e unha vida digna”. Así, recoñeceu a necesidade de mellorar servizos e aspectos como as comunicacións, do que, indicou, se ocupa o Plan de Desenvovlemento Rural cuxos obxectivos para 2020 —lograr 1200 persoas mozas formadas e incorporadas en profesións agroalimentarias— “están cumpridos nun 50% nun ano”.
Rematou cunha mensaxe de forza para as persoas mozas do medio rural: “Dominamos territorio. Se contabilizamos todo, somos en Galicia o 97,3% do territorio, co cal ninguén se vai atrever a levarnos a contra. Tede sempre o pes no chan pero crede que sodes imprescindibles para Galicia”.



