O 27 de xullo a Conferencia Final de AgriCoopValue, proxecto que monetiza o valor social das cooperativas, trouxo a Santiago a representantes da esfera cooperativa europea. Entrevistamos a catro deles para trazar o mapa do sector agroalimentario e ver retos futuros.
Gabriel Trenzado é director xeral de Cooperativas Agro-alimentarias de España, entidade coa que leva vinculado en diferentes capacidades dende 2001, entre elas dirixindo a delegación da entidade en Bruxelas. Tamén a nivel europeo foi vicepresidente dos Grupos de Traballo do COPA-COGECA sobre promoción de Produtos Agrarios da Unión Europea e Cadea Alimentaria.
Como ve as cooperativas agrarias españolas?
Somos máis de 3.700 empresas cooperativas agroalimentarias en todos os territorios e zonas rurais de España, con máis de 38.000M€ de facturación. Traballamos en todos os sectores produtivos e en todos os elos da cadea e abarcamos máis dun millón de familias socias.
Por tanto, somos unha realidade fundamental para o sector agroalimentario e para as zonas rurais, e clave para o futuro á hora de afrontar
os retos que temos por diante para conseguir a rendibilidade e sustentabilidade das explotacións dos nosos socios e socias.
Como lles afectan a crise inflacionaria, a guerra de Ucraína e a seca?
Son fenómenos que non se tiñan producido de maneira conxunta e teñen un impacto conxuntural e estrutural.
No conxuntural, afrontamos unha combinación de factores que encarecen os medios de produción e as materias primas pola guerra de Ucraína e as tensións xeopolíticas que provoca, e moitas producións sufriron fortes diminucións pola seca e fenómenos climáticos extremos. Isto provocou un importante aumento do prezo dos alimentos ao consumidor. Paradoxalmente, os prezos altos non levan a unha mellor rendibilidade da produción, todo o contrario, xa que non cobren o aumento de prezos. É unha situación endemoñada que o consumidor non comprende.
A esta situación conxuntural súmanselle carencias estruturais do sector, cuxos efectos se están acelerando e cambian a tendencia da produción agrícola e gandeira. O abandono de explotacións, a falta de remuda xeracional e a aplicación de regulamentos máis estritos en materia ambiental eliminarán explotacións que non poidan abordar o cambio de modelo produtivo de xeito eficiente, porque se converterá nun custo inasumible nunha cadea alimentaria que segue sen xerar valor suficiente para a produción.
Finalmente, estase abrindo un debate profundo sobre se se pode continuar cun sistema incoherente que busca a produción de alimentos a prezos baixos para a sociedade con maiores esixencias ambientais, cuxos custos non cobre o mercado e que provoca unha redución da produción. Necesitamos políticas coherentes e coordinadas para ir cara aos obxectivos marcados polo Pacto Verde da Unión Europea, porque sen rendibilidade do sector non se cumprirán.
Formúlanse profundas modificacións normativas para cumprir obxectivos europeos en materias como biodiversidade do solo, redución das pegadas de carbono e hídrica, benestar animal, restauración da natureza etc. Difire como enfrontan eses cambios as cooperativas e as sociedades de capital?
Absolutamente, e por moitas razóns. Unha cooperativa non pode asumir estratexias a curto prazo sen contar co impacto no seu provedor/socio ou socia, que é a súa propietaria ou propietario. As cooperativas deben deseñar estratexias de cambio de modelo produtivo contando coas explotacións de socios e socias, mentres as empresas de capital poden aceptar ou rexeitar as explotacións que lles sexan ou non convenientes. No fondo, o modelo de empresa cooperativa deséñase para contar coa contorna; unha sociedade de capital pódeo facer, pero de maneira voluntaria e sen compromiso de permanencia real. A empresa cooperativa agroalimentaria está deseñada para estar e ser un axente relevante na súa contorna.
Está España en desvantaxe nestes retos fronte a Europa?
É difícil comparar contornas e contextos tan diferentes entre os Estados membros. Se nos comparamos cos países mediterráneos, podemos dicir que España está en mellor posición. Realmente isto non quere dicir nada, pois necesitarase un grande esforzo para cambiar o modelo produtivo, esteamos ou non mellor que o de en fronte.
En xeral, España vai por diante en produción ecolóxica e formas de produción sostibles, polas súas características e condición de líder nalgúns sectores. Iso si, debemos mellorar en eficiencia e en creación de valor para o sector produtor para abordar o cambio de modelo produtivo. Hai aínda moito que facer nas cooperativas para xerar maior valor nas producións, máis eficiencia e configurar unha cadea con maior valor.
Os debates complexos non
se poden simplificar nun titular
Hai algún subsector agrario máis afectado polas normativas?
Todos en xeral, pero, sen dúbida, os máis afectados e con maiores retos son os gandeiros, en especial os intensivos (leite, porcino, avícola). Teñen gran presión institucional e social sobre o actual modelo de produción, sobre todo coas normas de benestar e de impacto ambiental.
Invisten moito en explicar a realidade das producións e en adaptarse, pero é unha situación realmente difícil, especialmente cando afrontan críticas e propostas alleas á súa realidade.
Mencionou como reto a nivel comunitario a creación dun «lobby tranquilo, humilde e pedagóxico» para mellorar a interlocución coa Administración. Quen o integraría e onde podería operar?
O que realmente quixen dicir é que o sector sempre soubo reivindicar ante as institucións, pero non comunicar cara á sociedade. Agora, partindo dunha posición de imaxe social que non nos beneficia, necesitamos estratexias de comunicación rigorosas e pedagóxicas. Os debates complexos non se poden simplificar nun titular e requiren tempo e paciencia; quedar no activismo e na reivindicación pódenos levar a aumentar a frustración, pero non a buscar camiños para o futuro nin a conectar coa sociedade, que son os nosos clientes e consumidores.
Avoga pola xeración de contidos formativos e de investigación propios, colaborando con institucións académicas e outros países. Que podería ser obxecto de estudo e intercambio?
Cooperativas Agro-alimentarias de España participa en 13 proxectos Horizon da Unión Europea. Isto hai unha década era unha utopía. Cónstame que AGACA está nesta liña. A realidade é que a transferencia de coñecemento e o intercambio de experiencias entre diferentes países da UE, entre o sector produtor e a universidade, axúdanos a todos a atopar solucións ou comprender retos moito máis rápido, e consegue moitas veces unificar visións entre diferentes contornas, xerando sinais claros e coñecemento ás institucións para deseñar políticas europeas e nacionais exitosas.
Ademais de cuestións de sustentabilidade da produción, o estudo e compartir boas experiencias no modelo cooperativo son de vital importancia, porque moitos nos coñecen, pero moi poucos nos comprenden.
Monetizar o valor social das cooperativas podería ser o punto de inflexión para que esta fórmula empresarial acade o recoñecemento social que merece?
Monetizar non é máis que identificar o valor do que xa se fai e non ten un prezo certo ou identificable. É un instrumento clave para as cooperativas, que prestan moitos servizos ás súas socias e socios, pero tamén á contorna e á sociedade. Ao monetizar o valor social expoñemos obxectivamente a súa importancia fronte a outros modelos e identificamos beneficios xerais que non existirían sen o labor e referencia das cooperativas.
A monetización é un instrumento para conseguir o recoñecemento do cooperativismo, pero hai que seguir facendo pedagoxía do modelo e cambiar mentalidades baseadas en simples prexuízos.
Idalino Leão preside Confagri (Confederación Nacional das Cooperativas Agrícolas e de Crédito Agrícola de Portugal) dende 2022. Tamén dende ese ano preside AGROS, que representa a 44 cooperativas e uns 800 produtores de leite en Portugal e é parte do Grupo Lactogal.
Como se desenvolve o cooperativismo agroalimentario portugués?
Confagri apela a reforzar o apoio á produción de alimentos e ás organizacións económicas dos produtores, para reforzar a nosa soberanía alimentaria e a posición dos produtores nacionais na cadea agroalimentaria. Ante a situación especialmente difícil e adversa que vive o sector agrario, que arrisca a viabilidade de miles de explotacións e debilita o tecido produtivo nacional, considero necesario sumar esforzos para que haxa unha resposta rápida e axustada á magnitude das dificultades. Para isto é imprescindible que o poder político tamén se implique e asuma o sector cooperativo como algo fundamental para a cohesión do territorio, creando medidas específicas e exclusivas.
Como afectaron a guerra de Ucraína e a crise inflacionaria ás cooperativas en Portugal?
Os custos de produción para os agricultores subiron moito relacionados coa situación de seca, coa guerra e coa crise no sector da enerxía, falando de desánimo debido ás condicións insoportables para os produtores. A situación segue a ser difícil: asistimos ao agravamento dos custos intermedios e ás consecuentes reducións no rendemento da actividade e na viabilidade dalgúns negocios.
Cales son as perspectivas comerciais para o mercado de carne de vacún de calidade? As importacións de América do Sur poderían representar unha forte competencia?
A agricultura, un dos principais motores da economía nacional, réxese por un complexo marco de normas e normativas europeas e nacionais tecnicamente moi esixentes. Especificamente no mercado da carne bovina, esíxese a produción de alimentos de gran calidade, respectando normas moi esixentes de seguridade alimentaria, medioambiental e benestar animal, pero ofrecendo prezos moi accesibles. Consideramos que é un acordo desleal cos agricultores europeos, pois competimos con regras diferentes. É outra das hipocrisías da Unión Europea.
Non podemos esquecer que a actividade pecuaria ten múltiples vantaxes, en concreto a fixación de persoas no territorio, contribuíndo á súa sustentabilidade económica, social e ambiental.
Os custos fixos asociados
á electricidade e ao combustible
deben ser os mesmos no contexto ibérico.
Hai anos que Delagro e Ucanorte XXI, do grupo AGROS, colaboran na subministración a criadores de gando. Sería aconsellable aumentar a colaboración entre cooperativas de Galicia e de Portugal?
Actualmente e cada vez máis, o mercado é, cando menos, ibérico. Neste senso, son fundamentais o aliñamento de sinerxías, o repensamento do sector, a loita pola unión e por compartir de intereses comúns e unha maior equidade a nivel ibérico. Considero que sería beneficioso para todos.
Cara a onde camiña o mercado do leite na península Ibérica?
Os agricultores son, cando menos, iguais aos mellores. Deben ter as mesmas condicións. Por exemplo, os custos fixos asociados á electricidade e ao combustible deben ser os mesmos no contexto ibérico. Isto non aconteceu ata a data, precisamos que a autoridade legal recoñeza a importancia do sector e o vexa como un obxectivo nacional.
Como se beneficia unha gran cooperativa, como AGROS, de monetizar o valor social?
AGROS dedícase á recollida, transporte e venda de leite a granel nas comarcas de Entre-Douro, Minho e Trás-os-Montes, e á prestación de servizos técnicos aos produtores asociados a Cooperativas Agrupadas. Os resultados presentados polas cooperativas da comarca Norte son un exemplo de traballo.
A presenza das cooperativas na maioría dos concellos onde existen produce riqueza para as súas comarcas, ben directamente mediante a produción dos seus socios e o seu asentamento nos territorios, ben indirectamente mediante os negocios que aglutinan en diversos ámbitos empresariais.
O cooperativismo non é un modelo perfecto, pode e debe mellorarse, pero non deixa de ser o modelo de representación política que permite a agricultores gañar escala na saída ao mercado dos seus produtos e na subministración dos factores de produción. Ante a situación especialmente difícil e adversa que atravesa o sector agrario, AGROS, pola súa dimensión e representatividade, exercerá a súa influencia na defensa dos intereses dos agricultores e das cooperativas agrarias, servíndolles como apoio nos lugares axeitados e de forma responsable e construtiva.
TJ Flanagan dirixe ICOS (Sociedade Irlandesa de Organizacións Cooperativas) dende 2016. ICOS presta servizos a cooperativas que, en conxunto, superan os 150.000 membros individuais e empregan a máis de 12.000 persoas en Irlanda.
Houbo unha gran flutuación nos mercados de produtos lácteos debido á Guerra de Ucraína. Como afectaron a guerra e a inflación aos produtores de leite irlandeses?
O maior efecto foi a espectacular inflación dos prezos dos pensos, fertilizantes e enerxía. Inmediatamente despois da invasión, o principal temor era que non houbese dispoñibilidade de
fertilizantes nin importacións de pensos da rexión, pero, a medida que avanzaba o ano, o principal problema era o enorme aumento dos custos. Isto probablemente aumentou o custo de produción de leite en 10-12 céntimos por litro.
Adáptanse ben as granxas a estas grandes flutuacións nos mercados lácteos en Irlanda?
Os granxeiros son moi resilientes e, en xeral, adaptáronse e sobreviviron, pero foi difícil. O que axudou enormemente foron os prezos moi fortes do leite, derivados da perturbación mundial. Os prezos do leite, que roldaran os 35 céntimos de media por litro, pasaron ata os 60 céntimos por litro. Eses procesos, con todo, non foron sostibles, e agora volveron ao seu nivel medio a longo prazo, mentres que os custos dos insumos non baixaron tan rápido.
Algúns gandeiros de Irlanda dixéronnos que cobraron 640 €/tonelada polo leite. A que prezos venderon o leite en xuño?
Como mencionei anteriormente, os prezos acadaron un máximo de preto de 60 céntimos por litro (con 3,6% de graxa e 3,3% de proteína), o que equivale a máis de 60 céntimos para o contido real de graxa e proteína. En xuño deste ano, os prezos baixaran ata os 40 céntimos por litro, e baixaron máis dende entón. Os observadores pensan que o prezo alcanzou o seu fondo neste momento, pero non están seguros de cando comezarán a subir de novo.
O Goberno de España publicou varias normas relacionadas directa ou indirectamente coa mellora da biodiversidade do solo, a edución da pegada de carbono e a hídrica… É semellante en Irlanda?
O Goberno introduciu un requisito legal para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro procedentes da agricultura nun 25% para 2030. É un obxectivo moi difícil e para alcanzalo será necesario un enorme esforzo, empregando as tecnoloxías actuais e as novas. Temos desafíos similares para a biodiversidade, as emisións de amoníaco e a calidade da auga.
Como se abordan estes retos dende as explotacións gandeiras irlandesas?
As explotacións deben ser máis eficientes: utilizar menos fertilizantes, cultivar herba e utilizar esterco de forma máis eficiente, empregar novas e mellores técnicas de reproducións e utilizar trevos e praderías multiespecíficas.
As cooperativas adoptan medidas relacionadas con estes obxectivos?
As cooperativas están a apoiar ás explotacións para que tomen decisións correctas proporcionando asesoramento experto e introducindo estratexias de incentivos para recompensar a quen adoptan tecnoloxías máis novas.
Cre posible a colaboración entre as cooperativas de Irlanda e Galicia do sector lácteo? En que áreas?
O maior reto ao que se enfrontan as cooperativas é manterse comprometidas e relevantes para os seus membros. Así, a maior área de colaboración é probablemente en desenvolvemento de membros, formación, promoción das cooperativas e bo goberno.
O maior reto das cooperativas é
manterse comprometidas e relevantes para os seus membros.
Estivo en Galicia varias veces. Que aspectos lle chaman máis a atención? Por que?
Ademais do tempo, que pode ser marabilloso e terrible, o máis impresionante de Galicia é o aprecio pola comida e a cultura locais. Nun mundo altamente globalizado, a xente de Galicia ten un aprecio marabilloso polo seu lugar e pola súa historia.
Como valora ICOS as diferentes colaboracións en proxectos que se comparten con AGACA en Galicia?
Sempre atopamos que as persoas de AGACA son socias realmente valiosas nos proxectos nos que colaboramos. A súa profesionalidade, ética de traballo e bo humor, así como a cálida acollida á fermosa rexión foron moi valiosos para nós.
Ricardo Delgado preside COVAP (Cooperativa Ganadera del Valle de los Pedroches) dende 2008. Une a 4500 produtores e traballa nos sectores lácteo (vacún, ovino e caprino), cárnico (porcino, ovino e vacún) e alimentación animal. En Galicia abriu Naturleite en 2019.
Afecta a guerra de Ucraína á actividade de vacún de leite de COVAP?
Foi un dos maiores condicionantes do prezo da alimentación animal en todas as especies gandeiras e en particular no vacún de leite; iso agravou a constante suba dalgúns meses atrás. Non eramos conscientes da dependencia que ten Europa, e á súa vez España, das importacións de cereal e xirasol dende Ucraína, especialmente de millo, o cereal máis usado na nutrición do vacún de leite.
Por desgracia, a guerra activa: con todo, afortunadamente, creáronse rutas de saída de mercadoría por países veciños como Romanía e Bulgaria, o cal, sumado ao abastecemento dende Brasil e Arxentina, aliviou a situación mundial de stocks e prezos.
En COVAP, no último ano, buscamos que este tipo de imprevisto afecte o menos posible. Buscamos alternativas en coprodutos da industria da alimentación humana, como bagazos e polpas, que substitúen a cereais e proteaxinosas de importación. Ademais, paliamos eses incrementos de custos repercutíndoos na medida do posible e optando por un modelo enerxético apoiado en enerxías renovables, que empeza a dar resultados.
Cara a onde camiña o mercado lácteo español?
España é unha rara avis no consumo de leite: en Europa o maioritario é o de queixo e iogur; en España é, con diferenza, o de leite líquido, que nas dúas últimas décadas pasou de 100 litros/habitante/ano a 70. O consumo de queixos e o de iogures non compensan a diminución. Tampouco debemos perder de vista a evolución das bebidas vexetais.
O aumento de prezos do leite e das bebidas vexetais provocou cambios relevantes no último ano, cunha tendencia a consumir, na familia do leite líquido, leites clásicos fronte a os de valor engadido como calcios, omega-3 ou sen lactosa, cuxo prezo aumentou considerablemente.
Outra tendencia relevante é o maior consumo de graxa láctea: observamos o aumento do consumo de leite enteiro fronte a desnatado e, sobre todo, a progresiva crecida da manteiga, acentuada pola suba do prezo das graxas de orixe vexetal, coma o aceite de oliva ou o de xirasol hai un ano.
Cómpre contar co incesante crecemento da marca do distribuidor fronte á marca do fabricante (cunha cota que supera o 60%), liderado claramente por Hacendado, que envasamos nas nosas plantas.
Por último, cabe destacar a tendencia dos mercados cara ao uso das proteínas lácteas como suplemento alimenticio pola relación achega/prezo que teñen para moita xente, sobre todo deportistas; tamén, o uso da proteína láctea en produtos healthy, que xera un negocio con moito potencial baseado no fraccionamento do leite e no aproveitamento individualizado dos diferentes compoñentes.
Dende a produción gandeira, os aspectos ambientais e de benestar animal cada vez cobran maior importancia. Cómpre adoptar medidas que reduzan as emisións de gases de efecto invernadoiro e melloren a xestión dos xurros. Na cooperativa estamos finalizando a construción dunha planta de biogás e engadimos Bovaer na alimentación das vacas, un suplemento que permite reducir nun 30% as emisións entéricas do vacún de leite. En benestar animal obtivemos o certificado Welfare Quality AENOR para as granxas.
Tense presente na cadea de valor láctea que é básico preservar as marxes e os prezos para facer sostible a produción?
Cuestión vital esta que debemos ter sempre moi presente. O uso do leite como produto reclamo (con prezos nos lineais excesivamente baixos e promocións que o banalizan) impediu frecuentemente que esta cadea xerase marxes xustas e equilibradas para todos os seus axentes, especialmente os produtores.
En COVAP, que integra produción e industria, defendemos sempre, alén da Lei de mellora do seu funcionamento, a necesidade de construír dende a eficiencia, a innovación e a colaboración de todos unha cadea láctea onde cada elo obteña a retribución adecuada e razoable polo seu traballo; só así se poderá falar dunha cadea de valor que sexa sostible no económico, no social e no ambiental. Para a súa estabilidade, cómpre que os incrementos de custos (enerxéticos, alimentación animal, fertilizantes etc.) poidan trasladarse ao longo da cadea.
As cooperativas somos unha peza clave que encaixa perfectamente neste modelo, pois estamos preto da orixe e podemos integrar a produción e a transformación, garantindo a seguridade e a rastrexabilidade.
Que resultados produce a planta galega de COVAP, Naturleite?
Dende a adquisición da planta de leite de Meira (Lugo) a primeiros de 2019, os resultados xerais son satisfactorios, tanto polos avances en produtividade e calidade dos nosos gandeiros como na industria. Os investimentos realizados en novas tecnoloxías de envasado en brik e botella, máis outros, melloraron a eficiencia e o custo de fabricación.
Dende o punto de vista operativo e loxístico, xéranse sinerxías para o resto do grupo lácteo. Unha planta situada na zona de maior produción de leite en España permite maior aproveitamento dos subprodutos para outras plantas, por exemplo da nata e o seu uso para elaborar manteiga. A conexión entre as diferentes fábricas facilita mellores prácticas (tanto en política de calidade como de produción), optimiza custos de estrutura e permite que COVAP teña un produto terminado con esixentes niveis de calidade, homoxéneo e competitivo.
A nivel de produción, avanzamos cos gandeiros galegos no noso modelo de integración 360º, ampliando o nivel de asesoramento e servizo que se incrementará coa recente adquisición da fábrica de Cereais Rego, a uns metros da planta de leite.
Que previsións ten COVAP para Naturleite?
Dende o punto de vista loxístico e operativo, Naturleite é unha planta estratéxica excelentemente situada co obxectivo de abastecerse de materia prima producida e transformada en Galicia para fornecer as plataformas máis próximas do noso cliente, Mercadona, axustando ao máximo o custo de transporte.
A previsión de investimentos na fábrica de Meira para os próximos dous anos suporá un incremento na capacidade de produción.
O consumidor quere saber se
o que paga contribúe a unha
sociedade mellor.
Como se beneficia unha gran cooperativa, como COVAP, da monetización do valor social?
En COVAP, por encima de intereses meramente económicos tivemos sempre un verdadeiro compromiso social. O noso modelo aséntase nas persoas, cun gran sentido social da empresa que integra toda a cadea alimentaria, dende a orixe, orientado ao mercado e ligado a un territorio no que contribúe co desenvolvemento económico, social e cultural, freando o despoboamento.
A monetización do valor social da cooperativa (realizada por Deusto e a Universidad Loyola, co apoio de Cooperativas Agro-alimentarias de Andalucía) serviunos máis que para fixalo en euros, que tamén, para determinar que variables achegan valor aos nosos grupos de interese (socios, traballadores, provedores, clientes, Administracións), alén de relacións comerciais e mercantís. E serve, dende logo, para que os nosos socios e traballadores coñezan esas outras «ganancias» e beneficios e a súa cuantificación, que non son só o prezo cobrado polos seus produtos ou a nómina mensual, senón tamén outros moitos servizos e vantaxes que a cooperativa lles proporciona, como pode ser, por que non, sentírense moi orgullosos do valor que as súas actividades e traballos xeran a outros grupos e colectivos, á sociedade en xeral.
Beneficia tamén ao permitirnos identificar puntos de mellora na empresa, potenciar os procesos de innovación e dirixir esforzos cara a aspectos estratéxicos e determinantes a longo prazo. A nivel externo, é unha ferramenta útil para unha comunicación máis robusta, completa e fiable, xerando maior confianza.
Ata que punto deben as cooperativas explicar á sociedade o que lle achegan, alén de alimentos?
Malia que progresamos, unha materia pendente é a comunicación. Producir alimentos seguros, de calidade, máis saudables e funcionais é un labor esencial de agricultores e gandeiros e tamén das cooperativas, algo máis que evidente. Pero o noso traballo vai máis lonxe que alimentar á sociedade, máis aínda do estritamente económico: sabemos a relevante contribución das cooperativas agrarias e dos seus socios ao desenvolvemento social e cultural da comunidade onde se achan, á cohesión social e territorial, a fixar a poboación no territorio, dando vida aos nosos pobos, freando o despoboamento da España baleirada da que tanto se fala.
A nosa misión debe ir alén da facturación e do beneficio, abarcando o benestar dos nosos socios e a sustentabilidade do modelo, e comunicar ben isto é moi importante, pois estes valores terán maior peso na elección duns consumidores cada vez máis esixentes. Porque nos comprarán, por suposto, pola calidade e prezo dos nosos produtos, pero cada vez se terá máis en conta como os facemos: se producimos dende a ética, responsablemente, respectando os traballadores, o medio ambiente, o benestar animal… Só empresas que saiban adaptarse a estes requirimentos e sexan capaces de establecer unha conexión real co consumidor conseguirán unha diferenciación que redundará nun mellor posicionamento comercial e nunha reputación máis sólida.
Debemos facer agricultura e gandería responsables (con boas prácticas, por exemplo, de economía circular); facer todo o que estea nas nosas mans e facelo moi ben, acompañado dunha boa estratexia de comunicación. Debemos ser proactivos e construír un discurso con argumentos sólidos, que dignifique a nosa profesión fronte a tantas esaxeracións que se din e escriben, cando non falsidades. O logo cooperativo, cuxo desenvolvemento por Cooperativas Agro- alimentarias de España está en fase final, poderá contribuír a isto.
Claramente, si, debemos explicar á sociedade todo o que facemos, pois o consumidor actual quere saber se o que paga por un produto contribúe a construír unha sociedade mellor.
AgriCoopValue, financiado por Erasmus+, rematou en setembro. Deseñou un método para monetizar o valor social das cooperativas e unha plataforma online para aprender a aplicalo:
www.e-training.agricoopvalue.eu/
www.agricoopvalue.eu/
