Un problema recorrente que nos trasladan cooperativas e granxas é a dificultade de atopar e contratar persoal para traballar nas explotacións. Nalgúns casos non hai candidaturas e noutros —a pesar da vontade manifesta entre demandante de emprego e persoa empregadora—, non é posible formalizar o contrato polas trabas burocráticas, dado que, a miúdo, as persoas con disposición para traballar na explotación son de orixe extracomunitaria e obter os permisos de traballo e residencia non é doado.
Para abordar e comprender este paradoxo recollemos diversas perspectivas tras contactar con técnicos de cooperativas, persoal traballador e responsables dalgunhas organizacións non gobernamentais, e acudimos á lexislación vixente, que vén de incorporar, nestes días, importantes modificacións.
Publicado en Cooperación Galega Nº 159. Páx 6.
En gallego.
Empregadores
Un técnico en xestión e asesoramento ás explotacións da cooperativa CAP Coruña, que prefire falar en nome do equipo en lugar de individualmente, é claro: «Cada semana recibimos dúas ou tres chamadas solicitando persoas para traballar nas granxas, pero o principal problema é que falta xente que queira vivir no rural. Ademais, traballar nunha explotación precisa coñecementos e requirimentos específicos e a maior parte das veces, quen solicita traballo nunha granxa busca un traballo alternativo e carece de formación específica e experiencia».
Cada semana recibimos dúas ou tres chamadas solicitando persoas para traballar nas granxas, pero o principal problema é que falta xente que queira vivir no rural. Tamén falta formación pero isto é fácil de solucionar
Equipo técnico de CAP Coruña
«A xente quere vivir nas cidades porque é máis cómodo e hai máis servizos.Temos xente de fóra á que lle deixamos unha vivenda ao lado da granxa, correndo nós co gasto, e prefire irse a Narón, a 15 km, pagando un piso, en lugar de quedarse a vivir aquí, en San Sadurniño. Os motivos, máis que económicos, veñen porque pouca xente quere vivir no rural», explica.
Dende a cooperativa consideran a falta de formación das persoas que solicitan un emprego como un obstáculo facilmente superable sen esquecer a necesidade de formar tamén aos titulares das explotacións: «Moitas veces, os responsables das granxas non son capaces de trasladar aos aspirantes as necesidades laborais ou comprender os dereitos que lles asisten como persoas empregadas, tanto en salario como en horas de traballo, así como preocupacións porque se sintan a gusto, as súas necesidades etc».
Temos constancia de explotacións que presumen da súa viabilidade, da maquinaria, do tamaño…, pero non coñecemos ningunha que o faga das condicións laborais que ofrece
Equipo técnico de CAP Coruña
«Temos constancia de explotacións que presumen da súa viabilidade, da maquinaria, do tamaño, pero non coñecemos ningunha que o faga das condicións laborais que ofrece. Hai unha desconexión entre os titulares das explotacións e as necesidades dos empregados porque non hai formación neste sentido», indican, ao tempo que se amosan predispostos a recibir a grupos de persoas e formalos, incluíndo aos titulares das explotacións.
Os técnicos contratados pola propia cooperativa cos que tivemos ocasión de conversar, procedentes de Senegal, Perú, Guinea e Portugal, ademais dos nacionais, expresaron a súa conformidade co trato recibido: empatía, respecto polos horarios, conciliación, estabilidade laboral, sen sobrecargas. Os responsables téñeno claro: a relación co persoal debe ser respectuosa cos dereitos laborais e, tamén, próxima, motivadora, con límites, pero humana: «Hai xente con potencial pero sen cartos, formación, carné de conducir, comida, vivenda, familia… Debemos preocuparnos de coñecer a súa situación e facilitarlles a vida, senón non atoparemos traba- lladores», aseguran.
Ángel Miranda, director da división agrogandeira de Clun, apunta posibles solucións: «Unha medida interesante sería facer selección en orixe. As propias cooperativas poderían organizarse en Comisións de profesionais técnicos e, coa mediación das Administracións e Consulados, desprazarse ao país de orixe onde explicarían claramente como é o traballo, as condicións salariais, de vida etc. Feita unha preselección, elaboraríase un precontrato de traballo facilitando a chegada dos profesionais aptos».
As cooperativas poderían organizarse en Comisións de profesionais técnicos, que se desprazasen ao país correspondente e alí explicar claramente como é o traballo, as condicións salariais, de vida etc.
Feita unha preselección, prepararíase un precontrato de traballo facilitando a chegada dos profesionais aptos.Ángel Miranda, director da división agrogandeira de Clun
«Incluso estariamos dispostos a organizar unha especie de banco de proba cunha granxa, en colaboración coa Xunta e/ou administracións correspondentes para ofrecer un período previo de formación para os recen chegados», aventura Miranda.
A realidade practicamente imposibilita contratar a persoas de fóra para traballar nas granxas a pesar de que hai demanda, indica Miranda, polas dificultades para legalizar a súa situación:
«Contratar é moi arriscado, o que ademais é contraditorio porque poden non estar aquí legalmente, pero si empadroarse, obter tarxeta sanitaria etc.».
Profesións de difícil cobertura
O SEPE (Servizo Público de Emprego Estatal) contempla unha relación de profesións de difícil cobertura por Comunidades Autónomas e provincias. No catálogo da súa páxina web non atopamos ningunha vinculada ás necesidades do noso sector.
Este pode ser o momento ideal para facer constar de forma conxunta (cooperativas, sindicatos e outras entidades) —ante as Oficinas de Emprego— as demandas de profesionais específicos e, así, incluír estas categorías no Catálogo do SEPE como de difícil cobertura.
Segundo conversas coa secretaria xeral de EAPN (European Anti Poverty Network) Galicia, Saray Durán, e os servizos xurídicos da entidade, este pode ser o momento ideal para facer constar de forma conxunta (cooperativas, sindicatos e outras entidades) —ante as Oficinas de Emprego— as demandas de profesionais específicos quedando, así, constancia explícita da solicitude e, tras comprobar que non se presentan aspirantes axeitados ás ofertas, o seguinte paso será incluír estas categorías no Catálogo do SEPE como de difícil cobertura, o que facilitaría a convocatoria de profesionais no país de orixe.
Lexislación
O 16 de agosto entraron en vigor novas disposicións legais relativas á regularización de persoas estranxeiras en España. O Real Decreto 629/2022 de 22 de xullo, modifica o Regulamento da Lei Orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, tras a súa reforma por Lei Orgánica 2/2009, apro- bado polo Real Decreto 557/2011, de 20 de abril.
O 16 de agosto entraron en vigor novas disposicións legais relativas á regularización de persoas estranxeiras en España.
Non detallaremos aquí a totalidade dos cambios, centrarémonos naquelas situacións máis frecuentes que se están a dar no noso contexto: persoas estranxeiras, demandantes de emprego no ámbito das explotacións no rural.
Arraigo
O (Portal de Inmigración do Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones especifica catro supostos de arraigo (estranxeiros que se atopan en España en situación irregular sen unha autorización de estancia ou residencia), nos que se poderá conceder unha autorización de residencia temporal:
• Arraigo laboral
Se ten permanecido en España polo menos 2 anos e pode acreditar unha relación laboral de duración non inferior a 6 meses.
A persoa interesada deberá presentar calquera proba que acredite a existencia dunha relación laboral previa (baixo estancia ou residencia legal) nos últimos 2 anos, cunha xornada mínima —de ser por conta allea—, de 30 horas semanais nun período de 6 meses ou de 15 horas semanais en 12 meses. De ser por conta propia, unha actividade continuada de, polo menos, 6 meses.
• Arraigo social
Concederase en caso de ter permanecido en España polo menos 3 anos, cun contrato de traballo que garanta, como mínimo, o salario mínimo interprofesional (SMI) ou o establecido no convenio colectivo aplicable, no momento da solicitude, e cuxa suma represente unha xornada semanal non inferior a 30 horas no cómputo global, e garantir o salario mínimo interprofesional. Elimínase a duración dun ano de contrato.
De acreditar ter a cargo menores ou persoas que precisen apoio para exercer a súa capacidade xurídica, o contrato pode ter unha duración dun mínimo de 20 horas.
Neste punto xorde unha dúbida, de momento, non aclarada polas instrucións do Ministerio: saber se, en caso de non alcanzar as 40 horas semanais, fai referencia á cantidade estipulada como SMI ou á cantidade proporcional.
No caso específico do sector agrario, permítese presentar dous ou máis contratos, con distintos empregadores.
No caso específico do sector agrario, permítese presentar dous ou máis contratos, con distintos empregadores e concatenados, cada un deles.
Tamén se contempla a existencia de vínculos familiares con outros estranxeiros residentes ou presentar un informe de arraigo que acredite a súa integración social emitido pola Comunidade Autónoma que figure como domicilio habitual.
• Arraigo familiar
Se é fillo de pai ou nai orixinariamente españois ou pai ou nai dun menor de nacionalidade española; se é cónxuxe ou parella de feito dunha persoa de nacionalidade española e, tamén, se se trata dunha persoa que presta apoio a outra con discapacidade, de nacionalidade española; os ascendentes maiores de 65 anos ou menores de 65 a cargo, os fillos e fillas menores de 21 anos ou maiores de 21, a cargo tanto da persoa española como do seu cónxuxe ou parella de feito rexistrada, e aqueles descendentes de pai ou nai orixinariamente españois.
• Arraigo para a Formación
Poderán obter autorización de residencia por un período de 12 meses os estranxeiros que acrediten a permanencia continuada en España durante, mínimo, dous anos, e se comprometan a realizar unha formación regrada para o emprego para obter o certificado de profesionalidade ou certificación de aptitude técnica o habilitación profesional.
Esta autorización poderá prorrogarse outro ano se a formación supera os doce meses de duración ou excede a vixencia da primeira autorización concedida. Ao remate, será necesario presentar un contrato de traballo e concederase autorización por 2 anos, que habilitará a traballar.
Conclusións
De todo o exposto, parece claro que cómpre sentarse coa Administración para que tome conciencia, de primeira man, desta realidade persoal e profesional no ámbito rural, así como mobilizar aos distintos axentes involucrados: inmigración, sindicatos, asociacións, ONG etc. para estudar as posibilidades que ofrece a nova Lei e facilitar a inserción laboral e normalización dunha situación que se resume na necesidade de formalizar unha situación onde ambas as partes están dispostas a chegar a acordo: a persoa empregadora e a persoa demandante de emprego.
Cambios máis relevantes no Real Decreto 629/2022
ESTUDANTES
• Non precisan solicitar autorización para prácticas non laborais integradas no Plan de Estudos.
• Igual que ata o de agora, os estranxeiros que dispoñan da correspondente autorización de estancia por estudos, formación, prácticas non laborais ou servizos de voluntariado poderán ser autorizados a realizar actividades laborais en institucións públicas ou entidades privadas cando o empregador, como suxeito lexitimado, presente a solicitude de autorización de traballo.
• Por outra banda, a autorización de estancia por estudos obtida en virtude do artigo 37.1.a) autorizará a traballar por conta propia e allea, sempre que esta actividade laboral sexa compatible coa realización deses estudos e se trate de estudos superiores.
• Con visado de estudos, poderán traballar sen solicitar autorización se son: estudos superiores, formación regrada para o emprego para obter o certificado de profesionalidade ou certificación de aptitude técnica o habilitación profesional.
• Poderán traballar por conta propia ou allea, sen limitacións xeográficas (se os estudos o permiten).
• A actividade laboral non superará as 30 horas semanais.
• A vixencia da autorización de traballo coincidirá coa duración da autorización de estancia, non se vinculará á duración do contrato de traballo. A súa renovación (autorización de traballo) dependerá da existencia dun contrato.
• Elimínanse os requirimentos de estancia en España de 3 anos e a obriga de non ter recibido bolsa de estudos ou subvención.
REAGRUPACIÓN
• Flexibilízanse os requisitos en canto á acreditación de medios económicos.
• Na residencia independente de familiares reagrupados, elimínase a duración temporal dos contratos e vincúlase o SMI á xornada do contrato, non á xornada completa.
• Permítese á persoa reagrupada traballar por conta allea ou por conta propia.
RENOVACIÓNS DAS AUTORIZACIÓNS DE RESIDENCIA E TRABALLO POR CONTA ALLEA
• Pásase de ter que xustificar 6 meses cotizados a só 3. Modifícanse requirimentos: por exemplo, non é obrigatorio presentar o contrato de traballo cando se acredite que a relación laboral foi interrompida por causas alleas á súa vontade e está inscrito como demandante de emprego.
• A renovación da duración da residencia estenderase a un período de 4 anos, fronte aos 2 de antes. Estes prazos permiten que cese a existencia de irregularidades provocadas por falta de contrato ou cotización.
RESIDENCIA TEMPORAL E TRABALLO POR CONTA PROPIA
• Simplifícanse os requirimentos, principalmente as contías económicas, e admítese o autoemprego.
• A renovación da residencia e traballo por conta propia terá unha vixencia de 4 anos.
RESIDENCIA TEMPORAL POR ARRAIGO
• LABORAL
• Permanencia en España un mínimo de 2 anos.
• Demostrar vínculos laborais cunha duración mínima de 6 meses, no marco dos últimos 2 anos previos á solicitude.
• Conta allea: mínimo da xornada de 30 horas semanais en 6 meses ou 15 horas semanais nun período de 12 meses.
• Conta propia: actividade continuada polo menos, 6 meses.
• SOCIAL
• Estancia mínima de 3 anos.
• Contrato de traballo asinado que garanta, como mínimo, o SMI ou salario establecido no convenio laboral aplicable, cuxa suma debe representar unha xornada semanal de non menos de 30 horas e garantir o SMI.
• De acreditarse ter menores a cargo ou persoas con medidas de apoio poderá ter unha duración mínima de 20 horas.
• No sector agrario pode presentarse máis dun contrato, concatenados e con distintos emprega- dores.
• Informe de arraigo ou vínculos con estranxeiros (ascendentes e descendentes de primeiro grao, cónxuxes e parellas de feito) emitirase e notifica- rase antes de 30 días dende a súa solicitude.
• FAMILIAR
• Se é fillo de pai ou nai orixinariamente españois ou ben sexa pai ou nai dun menor de nacionalidade española.
• Se é cónxuxe ou parella de feito dunha persoa de nacionalidade española.
• Se presta apoio a unha persoa con discapacidade de nacionalidade española.
• Ascendentes maiores de 65 anos ou menores de 65 a cargo, fillos e fillas menores de 21 anos ou maiores de 21, a cargo tanto da persoa española como do seu cónxuxe ou parella de feito rexistrada e aqueles descendentes de pai ou nai que orixinariamente foran españois.
• Contarán cunha tarxeta de 5 anos de duración que permite traballar por conta propia e allea.
• FORMACIÓN
• Debe acreditar unha permanencia mínima en España de 2 anos.
• Comprometerse a realizar unha formación regrada, matriculándose nun prazo de 3 meses dende a notificación da resolución da autorización da residencia.
• Terá unha duración de 12 meses prorrogable, unha única vez, por outros 12 meses.
• Ao rematar deberá presentar un contrato de traballo e recibirá autorización de 2 anos que habilitará a traballar.