
Cogal (carne de coello), Adegas Eidosela (viño), Comarcal de Ordes (leite) e Horsal (horta) son catro cooperativas agroalimentarias galegas que decidiron apostar por implantar a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) na entidade.
O plan de traballo establecido por AGACA, con este fin, pasa por acadar o compromiso da cooperativa formalizado nun código de conducta que reflicte os valores e principios da cooperativa e realizar unha diagnose previa nos ámbitos de xestión económica, ambiental e social para, finalmente, desenvolver unha Memoria de Responsabilidade Social.
Para facilitar a xestión da Responsabilidade Social Empresarial, a toma de datos e o seu tratamento cara a diagnose de RSE, séguese a metodoloxía XUNTA PRO-RSE, que permite integrar as variables da RSE facilitando o seu tratamento para a posterior redacción da Memoria, adaptada ao estándar internacional G4 da Global Reporting Initiative (GRI) para a elaboración de informes de sustentabilidade. A actividade enmárcase na iniciativa Rede Eusumo, rede liderada pola Xunta de Galicia, para fomento do cooperativismo e economía social en Galicia.



