- Mañá celébrase a Xornada Creación de Emprego e Riqueza mediante o Uso Cooperativo do Monte Comunal, centrada na identificación e potenciación dos recursos dos montes en man común para os veciños, mediante a súa xestión cooperativa.
- A Xornada, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) mediante Rede Eusumo, desenvolverase entre as 16:45 e as 21:00 horas, nas instalacións do IES As Barxas.
As comunidades de montes veciñais e en man común (CMVMC) xestionan en Galicia un terzo da superficie forestal, tradicionalmente ocupada por parques eólicos e produción madeireira. Durante a xornada, onde se darán cita máis de 60 persoas, darase visibilidade a xeitos alternativos de aumentar a rendibilidade dos montes e crear empregos baixo a fórmula cooperativa.
A primeira metade contará con relatorios sobre lexislación e financiamento que afectan aos montes veciñais e ás CMVMC, a cargo do asesor Calixto Escariz; sobre xestión cooperativa de recursos ociosos ou infrautilizados nos montes, con Higinio Mougán, director-xerente de AGACA, e sobre eficiencia enerxética como recurso de innovación, con Manuel Eirín, experto en enerxía.
Na segunda parte da xornada mostraranse tres experiencias de éxito no uso de montes comunais: a cría de animais e produción de cogomelos e mel no Monte Comunal de Carballo; a resinación de piñeirais coa Asociación de Resineiros de Galicia e o cultivo de olivas de Aceites Abril.
AGACA leva a cabo a Xornada co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e o Plan de Formación e Divulgación da Potencialidade do Cooperativismo



