AGACA lembra o valor das mulleres rurais no Día Internacional da Muller
Mulleres rurais: radiografía do cooperativismo menos visible
- Nas cooperativas agroalimentarias de Galicia, os homes ocupan o 88% dos cargos en Consellos Reitores e detentan o 97% das presidencias. Supoñen un 51% da masa social das cooperativas.
- En canto ás mulleres —o 49% restante de persoas asociadas a estas entidades— declaran, nun 96% dos casos, non optar nunca a un posto nun Consello Reitor.
Os datos anteriores proceden do XVIII Informe sobre a xestión e o estado do cooperativismo agrario en Galicia e do estudo A muller nas cooperativas agrarias: factores para a conciliación. Ambas as publicacións poñen de relevancia a falta de representatividade das mulleres asociadas a cooperativas agroalimentarias, maioritariamente asentadas no medio rural de Galicia, nas entidades ás que pertencen e coas que traballan.
Aínda que en Galicia a porcentaxe de mulleres integrantes de Consellos Reitores é maior que a media nacional (un 12% fronte a pouco menos do 5%), a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias considera necesario incrementar tanto a visibilidade como a influencia das mulleres cooperativistas.
Xornadas como “Atrévete Contigo Mesma” — programa organizado por AGACA e Obra Social “la Caixa”—, que tiveron lugar entre novembro de 2015 e febreiro de 2016 en 10 cooperativas, coa participación de 430 mulleres, son unha das iniciativas que, desde AGACA, se levan a cabo para dar voz ás asociadas e coñecer as súas necesidades de forma que se poidan adoptar nas cooperativas medidas que axuden á igualdade.
Os testemuños recolleitos durante o programa coincidían con frecuencia cos datos de AGACA, en canto a que a falta de tempo e falta de preparación serían motivos para non involucrarse en órganos de decisión cooperativos.
Con respecto á falta de tempo alegada por un 40,3% das enquisadas, as socias de cooperativas agroalimentarias de Galicia compaxinan o traballo na explotación (o 56% dedícalle de 4 a 8 horas/día; o 25%, de 8 a 11 horas) co traballo doméstico (o 88% afirma coidar habitualmente das persoas maiores e menores de idade do fogar e o 90% di ocuparse en solitario do fogar).
No tocante á formación, o 13,5% de cooperativistas considera que lle falta, mentres o 3,1% delas non se sente capacitada para intervir nun Consello Reitor. Cursos sobre xerencia, administración empresarial ou xestións fiscais son algunhas dás temáticas dás que solicitaron cursos durante “Atrévete Contigo Mesma”.
En prol da Igualdade
Programas de automotivación, formación, estudos sociais, participación en Congresos, Seminarios e diversos Proxectos a nivel nacional e autonómico, son algunhas das actividades nas que AGACA se implica para conseguir dar valor ao traballo de socias e socios, ademais de concienciar sobre a necesidade de non excluír dos órganos de decisión, o potencial dunha porcentaxe tan elevada de cooperativistas como son as mulleres.
O forte papel das cooperativistas na vida do medio rural queda patente tras ver as cifras, así pois, é necesario que nas cooperativas se impulsen medidas para facilitar a conciliación das responsabilidades que homes e mulleres exercen no plano laboral e doméstico, para que ambos poidan intervir en igualdade de condicións nas dúas facetas.



