O proxecto LAKTIS, promovido por CLUN, CLAS, Capsa Food, AGACA e Medrar Innovation Office, remata un intenso programa de actividades en Galicia e Asturias durante dous anos, que permitiu achegar coñecemento, innovación e solucións prácticas ás explotacións leiteiras cun obxectivo claro: converter a sustentabilidade nunha ferramenta útil para as explotacións leiteiras e demostrar que reducir a pegada ambiental tamén pode contribuír a mellorar a competitividade das granxas.
O punto final chegou o pasado 16 de xuño, no CFEA Pedro Murias, en Ribadeo, cun encontro que reuniu preto dun cento de persoas entre gandeiros e gandeiras, persoal técnico, cooperativas, industrias, administracións públicas, centros de investigación, empresas tecnolóxicas e entidades vinculadas á innovación.
Baixo o lema «Menos pegada, máis futuro», a xornada converteuse nun espazo de intercambio de experiencias e reflexión sobre os retos que afronta o sector lácteo nun contexto marcado pola descarbonización, as novas esixencias ambientais e a necesidade de manter a rendibilidade das explotacións.
Levar a sustentabilidade ao día a día
Desde o seu inicio, LAKTIS apostou por levar a sustentabilidade ao día a día das gandarías.
Lonxe de quedar nun plano exclusivamente teórico, o proxecto traballou directamente con explotacións de Galicia e Asturias para validar ferramentas de cálculo da pegada de carbono, analizar medidas de redución de emisións, estudar casos piloto e identificar prácticas facilmente aplicables na realidade produtiva.
«LAKTIS naceu cun obxectivo claro: converter a sustentabilidade nunha ferramenta práctica para as gandarías e facilitar a toma de decisións baseada en datos, innovación e cooperación.»
Todo este coñecemento foi compartido mediante diferentes xornadas técnicas, encontros de transferencia e actividades formativas, nas que participaron tanto profesionais do sector como persoal investigador e empresas especializadas.
O resultado é un importante volume de coñecemento práctico que pretende facilitar ás explotacións a toma de decisións nun contexto no que a sustentabilidade deixa de ser unha opción para converterse nun factor estratéxico.
Ciencia, innovación e cooperación
A xornada final serviu tamén para poñer de manifesto que a transición cara a un modelo produtivo máis sostible require da colaboración de todos os elos da cadea de valor.
Na inauguración participaron Manuel Valín, director do CFEA Pedro Murias; Diego Canga, director xeral adxunto en funcións da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea, e Juan José Cerviño, da Dirección Xeral da PAC da Consellería do Medio Rural.
O programa combinou conferencias científicas, experiencias empresariais, mesas redondas, espazos de networking e demostracións prácticas.
Entre as intervencións destacou a do investigador do CSIC David Yáñez, que explicou como os indicadores ambientais poden converterse nunha ferramenta útil para orientar as decisións das explotacións.
Pola súa banda, Kilean Watson, director xeral de Arla Foods España, compartiu a experiencia desta cooperativa europea na implantación de incentivos para impulsar prácticas sostibles entre as súas gandarías socias.
O gandeiro, no centro
Un dos aspectos máis destacados de LAKTIS foi situar ás persoas gandeiras como protagonistas do cambio.
Así quedou patente nas diferentes mesas de debate, nas que participaron produtores, alumnado de formación agraria, cooperativas, industrias e empresas innovadoras que compartiron experiencias reais de aplicación de medidas de sustentabilidade.
Durante a tarde desenvolveuse ademais unha dinámica participativa na que as persoas asistentes tiveron que decidir en que investirían para mellorar a sustentabilidade dunha explotación leiteira real.
Empresas especializadas en innovación, alimentación animal, dixitalización ou medición de emisións presentaron diferentes solucións que posteriormente foron valoradas polo público mediante votación electrónica.
A xornada concluíu cunha visita técnica ao Centro de Alimentación de Gando Vacún (CAVI) de CLUN e á gandaría Villameitide, socia da cooperativa, onde os asistentes puideron coñecer exemplos prácticos de aplicación das medidas abordadas durante toda a xornada.
Un legado vivo
Ao longo destes dous anos consolidouse unha rede de colaboración entre cooperativas, industria, centros de investigación, administracións e empresas tecnolóxicas que permitiu crear coñecemento compartido e ferramentas útiles para acompañar ás explotacións no proceso de adaptación aos novos retos ambientais.
Entre os principais resultados destaca a elaboración da Guía Branca LAKTIS, un documento que recolle as principais recomendacións extraídas do proxecto e que pretende converterse nunha referencia para avanzar cara a unha produción leiteira máis eficiente, competitiva e respectuosa co medio.
A sustentabilidade, paso a paso: así é a Guía Branca LAKTIS
Cando un proxecto de innovación chega ao seu remate, a verdadeira medida do seu éxito non está só nos resultados acadados, senón na capacidade de que ese coñecemento continúe xerando valor. No caso de LAKTIS, ese legado toma forma na Guía Branca, un documento que recolle a experiencia acumulada durante dous anos de traballo e a transforma nunha ferramenta práctica para o sector lácteo.
Pensada para persoas gandeiras, cooperativas, persoal técnico e demais axentes da cadea de valor, a guía propón un itinerario para avanzar cara a unha produción máis eficiente, capaz de responder ás novas esixencias ambientais sen perder de vista a rendibilidade das explotacións.
Pode atoparse en www.laktis.es
Coñecer para poder mellorar
A guía destaca a importancia de medir e analizar indicadores que permitan comprender mellor o funcionamento de cada explotación e identificar aqueles ámbitos nos que é posible avanzar.
A medición da pegada de carbono convértese así nunha ferramenta de apoio á toma de decisións. Permite coñecer onde se producen as emisións, avaliar o impacto das medidas implantadas, establecer prioridades, optimizar recursos e planificar investimentos con maior criterio.
Unha colección de boas prácticas
A Guía Branca recompila recomendacións relacionadas coa alimentación do gando, a xestión dos fertilizantes e dos xurros, a eficiencia enerxética, o aproveitamento dos recursos dispoñibles e a incorporación de ferramentas dixitais para o seguimento dos indicadores ambientais.
A publicación insiste en que non existen solucións universais. Cada explotación presenta unha realidade diferente e o camiño cara á sustentabilidade debe construírse de maneira progresiva, tendo en conta as súas características produtivas, económicas e territoriais.
Un recurso para seguir avanzando
O documento traduce o coñecemento científico e técnico xerado durante o proxecto a unha linguaxe accesible, facilitando o seu uso no asesoramento ás explotacións e nas accións de formación e transferencia.
A guía tamén pon de manifesto o papel das cooperativas na difusión da innovación, como ponte entre a investigación e a súa aplicación práctica nas granxas.
Con esta publicación, LAKTIS deixa unha ferramenta que transcende a duración do proxecto e que aspira a seguir acompañando ás explotacións na mellora da súa sustentabilidade, eficiencia e competitividade.
O proxecto LAKTIS Innovación e transferencia de coñecemento en sostibilidade para o sector agroganadero lácteo foi beneficiario dunha axuda para o intercambio de coñecementos e actividades de formación e información de ámbito supraautonómico, destinadas ao sector agroalimentario e forestal, no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027; cofinanciadas ao 43 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural FEADER e ao 57 % polo Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación. O montante total da axuda ascende a 325 522,20€.
![]()




