RAQUEL RODRÍGUEZ GALIÑANES. Vicepresidenta de Horsal S. Coop. Galega
A historia de Raquel Rodríguez Galiñanes non segue o camiño máis habitual. Formada en Dereito, traballou durante unha década na dirección dunha oficina de emprego temporal en Canarias e en asesoría tanto nas Illas como en Galicia, terra á que voltou. Coa maternidade a súa vida deu un xiro e, tras pasar polo marisqueo a flote co seu marido, decidiuse pola agricultura. Hoxe, sete anos despois, é vicepresidenta de Horsal, unha cooperativa hortícola galega de referencia.
Muller aguerrida, decidiu poñer en valor unha pequena leira do seu pai. “Son 600 metros cadrados, non é moito, pero o que si tiven claro dende o primeiro momento é que quería facerme socia de Horsal. Non quería vender por libre, sabía por veciños e familiares o que iso supón, moito esforzo e prezos pouco xustos. Na cooperativa atopas apoio, estabilidade e unha rede que che dá forza”, asegura Raquel Rodríguez. Hoxe cultiva uns 2100 metros cadrados en varias fincas, con produción de pemento tipo Padrón, feixón e cabaza. Raquel tiña conexión coa terra a través de familiares de seus avós. “Sempre houbo alguén traballando no campo; quixen formarme desde o principio e sigo facendo cursos. É un sector no que se aprende traballando, observando e compartindo coas compañeiras e compañeiros”, explica. Tamén recoñece que a percepción social da agricultura segue a ser un reto. “Aínda hai quen pensa que é un traballo menor, algo que se fai porque non hai outra opción. Non é así. Hai que formarse, coñecer, planificar. A agricultura é un oficio técnico moi esixente e tamén gratificante”, sinala.
O ano pasado, 2024, foi elixida vicepresidenta da cooperativa substituíndo a outra compañeira. Explica que a maior parte das persoas produtoras en Horsal
son mulleres e que a maioría son pequenas explotacións polo que se sentiu honrada coa súa elección xa que “sei que represento a esas mulleres e a ese modelo de agricultura familiar que da vida ao rural”. Síntese orgullosa de dar voz ás pequenas produtoras e produtores. “Non se trata de estar por estar, senón de participar activamente, de informarse e tamén de visibilizar o noso traballo e a nosa achega”, sentenza. A súa traxectoria profesional en asesoría e a súa formación en dereito dálle unha visión complementaria ao poder achegar coñecementos sobre lexislación e xestión, útiles para o día a día da cooperativa.
Consciente dos cambios que están a producirse no sector, ten unha visión clara dos desafíos. “A PAC vai a menos, vai afectarnos; as cadeas alimentarias cada
vez están máis concentradas e impoñen os prezos, e o cambio climático xa é unha realidade que condiciona todo. A agricultura ecolóxica ten que estar no noso pensamento, pero tamén a mecanización e a formación continua”, insiste. E recalca que o cooperativismo é clave para o que ven porque “sen unión, o mundo da agricultura sería moi duro; cando traballamos xuntos, avanzamos”.
Cando se lle pregunta sobre Horsal, non dubida. “Son 40 anos de historia e temos moito do que enorgullecernos: das persoas fundadoras e de como tentamos seguir medrando con humildade e profesionalidade. E non se esquece do xerente da cooperativa, “vale o seu peso en ouro, é un gran apoio para as mulleres”.
A entrevista é posible grazas á actuación financiada a través do Programa de Asistencia Técnica 2025 en marcado dentro das actuacións do Convenio MAPA-Cooperativas Agro-alimentarias de España para o desenvolvemento de diversas actividades de mellora da competitividade e modernización das cooperativas
agroalimentarias e a formación, igualdade e remuda xeracional en consellos reitores.





