- O Centro da Rede Eusumo Fundación Terra de Trasancos (Narón) acollerá entre mañá e pasado mañá a estudantes do betanceiro IES As Mariñas.
- Participarán nunha charla informativa, impartida por técnicos da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), e percorrerán as instalacións da cooperativa Santa María do Val.
- As actividades son parte da Rede Eusumo para o Fomento do Cooperativismo e a Economía Social.
Técnicos de AGACA impartirán entre mañá e pasado mañá dúas xornadas didácticas sobre as vantaxes do cooperativismo como fórmula de emprendemento e de crecemento laboral e económico para 80 estudantes de segundo ciclo da ESO do IES As Mariñas (Betanzos). O alumnado desprazarase ata o Centro Rede Eusumo Fundación Terra de Trasancos (Vilacornelle, Narón) para recibir unha charla divulgativa, na que se amosarán iniciativas de emprendemento cooperativo que acadaron o éxito en diferentes áreas de actividade, no medio rural.
Logo das charlas teóricas, visitarán as instalacións da cooperativa Santa María do Val, dedicada a proporcionar servizos e insumos agropecuarios, para coñecer de primeira man o funcionamento dunha sociedade destas características.
O obxectivo das actividades, enmarcadas nun “Obradoiro de Emprendemento Cooperativo Eusumo”, é dar a coñecer este modelo de negocio aos mozos e mozas, para que o teñan en consideración ao finalizar os seus estudo.
Rede Eusumo
Asesoramento, orientación, formación, acompañamento nas iniciativas empresariais, apoio á internacionalización, celebración de encontros internacionais e transfronteirizos, intercambio comercial e cooperación transversal definen a rede transversal de colaboración Eusumo, naci¬da no 2011 co impulso da Consellería de Economía, Emprego e Industria.



