En outubro, Rocío Corral cumprirá dous anos como presidenta da cooperativa Coafor. A pesar de resultar elixida para o cargo sen terse postulado (o normal nesta cooperativa onde non se presentan candidaturas previas e as designacións dependen do número de votos obtido en Asemblea), en ningún momento dubidou de aceptar o cargo; afróntao como unha responsabilidade da que se sinte orgullosa.
Con 38 anos e formación administrativa, Rocío compaxina a presidencia de Coafor co traballo na granxa propia (arredor de 40 cabezas de gando de leite) e no bar da súa propiedade.
Recoñece que a profesión gandeira precisa dedicación pero igual que calquera outra; de feito, sinala como motivo principal da falta de persoal nas granxas o descoñecemento da realidade da profesión, moito máis levadía que outrora e con importantes vantaxes a ter en conta.
Un dos servizos máis valorados é o de substitución, que permite a granxeiros e granxeiras gozar de tempo libre ou vacacións grazas a poder delegar as tarefas noutros profesionais que a cooperativa pon a disposición das persoas socias. A dificultade é atopar candidatos ou candidatas a pesar de ofrecer contratos serios con salarios dignos e respecto polos horarios marcados.
«A xente ten medo a traballar no
campo porque non coñece que hoxe
está todo mecanizado e non hai que
facer os enormes esforzos de antes».
«A xente ten medo de vir traballar ao rural. Non se dá conta de que hoxe está todo mecanizado, que non hai que facer os grandes esforzos de antes e ao longo do día podes dispoñer de horas para ocio, facer xestións ou conciliar, algo moi complicado para persoas con outras profesións. É certo que hai épocas máis esixentes, pero tes grandes vantaxes. Que a xente non coñeza como se traballa no campo e lograr a muda xeracional é un gran problema a solucionar», di Corral.
En canto ao feito de ser muller e presidir unha cooperativa, Rocío recoñece que non dubidou en ningún momento da súa capacidade, aínda que durante un tempo se sentiu máis observada, no senso de ter que demostrar a súa valía dun xeito diferente a se fose un home: «Algo xa superado, e dígolle ás mulleres que non sintan medo de afrontar un cargo, que somos igual de capaces».
Como presidenta non introduciu grandes cambios no desenvolvemento e xestión da cooperativa, aínda que si hai un que promoveu acadando satisfacción entre a súa membresía: mudou o horario das reunións dos Consellos Reitores, que pasaron de celebrarse ás dez ou once da noite ás catro da tarde favorecendo a conciliación familiar.
Entre os servizos que Coafor ofrece á súa base social destacan a venda do leite, aprovisionamento, gasolineira, veterinaria, taller mecánico, substitución, aluguer de maquinaria, tenda rural (Mercarural) ou aseguradora (UCOGA).
Entrevista posible por unha actuación financiada a través do Programa de Asistencia Técnica 2022 enmarcado dentro das actuacións do Convenio MAPA-Cooperativas Agro-alimentarias de España para o desenvolvemento de diversas actividades de mellora da competitividade e modernización das cooperativas agroalimentarias e a formación, igualdade e remuda xeracional en consellos reitores.
![]() |
Leer revista completa:






