A nova Comisión iniciou a súa andadura o 1 de decembro pasado e xa da mostras de cara a onde quere levarnos. O Pacto Verde e a Estratexia da Granxa á Mesa, que centraron a folla de roteiro da anterior Comisión, poñían o foco na transición verde e na redución da produtividade e competitividade da Unión Europea (UE). Despois das mobilizacións da primavera de 2024 a Presidenta da Comisión comprometeuse a escoitar máis ao sector agrario. Os informes de Enrico Letta e Mario Dragui en 2024 coinciden nun diagnóstico crítico das deficiencias do Mercado Único e da competitividade da UE, e na necesidade de que esta adopte estratexias urxentes para manterse como un actor relevante no escenario económico global.
Co informe ‘Unha perspectiva compartida para a agricultura e a alimentación en Europa’, a Comisión manifesta que: “Dificilmente hai un sector no noso continente máis importante que a agricultura” e “é como todos sabemos, vital para a nosa saúde e estratéxico para a nosa economía e a nosa autosuficiencia.” Así mesmo, indicou que “sabemos que as persoas agricultoras e gandeiras afrontan moitos e crecentes desafíos, dende a durísima competencia mundial ata os efectos devastadores do cambio climático”.
O informe recoñece que a transición dos sistemas agroalimentarios implica inevitablemente intereses contrapostos e complexas compensacións que só
poden resolverse mediante o compromiso. Sinalaba que a Comisión debería facilitar medios, recursos e prazos axeitados para que o mercado se adapte aos cambios que poderían dar lugar a un aumento dos custos.
En relación ás normas comerciais, o informe di que a Comisión debe garantir a coherencia coas normas de benestar animal da UE e garantir que non se socave o modelo de produción gandeira da UE e a lexislación da UE nesta materia. O informe de Diálogo Estratéxico tamén manifesta que “é crucial apoiar o consumo de proteínas de orixe vexetal axudando aos consumidores e consumidoras a aceptar a transición”, pese a que un recente informe da FAO indica que reducir o consumo de alimentos de orixe animal é unha das medidas que ten menor impacto na redución de emisións. É dicir, a UE anda co paso cambiado en sostibilidade.
Pois ben, a mediados de xullo a Comisión Europea presentou a proposta sobre o próximo Marco Financeiro Plurianual (MFP) e o deseño da PAC 2028- 2035. Coa redución de máis do 20 % do orzamento, en AGACA valoramos que a Comisión engana novamente ao sector agroalimentario, pois propón o desmantelamento da PAC e un ataque claro e directo ao mercado único europeo, piares esenciais da construción comunitaria durante cinco décadas.
A proposta contempla a desaparición do 2º piar da PAC e centralízase a execución dos restos deste fondo, impulsando o abandono do medio rural. En conclusión, os fondos PAC quedan diluídos en medidas estatais sen límites para que interfiran no funcionamento do libre mercado comunitario. Toca rexeitar a proposta, deseñar estratexias para lograr algunha mellora e soportar a constante contradición dunha UE sen visión a longo prazo. “Queda en claro risco a seguridade alimentaria dos europeos e a sostibilidade económica, social e medioambiental das zonas rurais. Que barbaridade!”





