- A cooperativa Condes de Albarei albergou un obradoiro para estudantes sobre economía social.
- A cooperativa Martín Códax acolleu nunha xornada sobre o papel da comunicación nas cooperativas.
- As actividades, desenvolvidas esta mañá, enmárcanse na Rede Eusumo, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar a economía social e o cooperativismo como modelo de negocio de éxito.

As cooperativas vitivinícolas Condes de Albarei e Martín Códax, situadas no municipio de Cambados, acolleron esta mañá actividades da Rede Eusumo, organizadas pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA).
Cooperativismo en Condes de Albarei
Estudantes de Bacharelato do instituto cambadés Francisco Asorey participaron nun obradoiro de “Emprendemento e cooperativas. Modelo de éxito”. Técnicos de AGACA explicaron que este modelo de negocio se caracteriza por calidades que favorecen a súa sostibilidade no medio rural. Entre elas, nomearon a toma democrática de decisións, o reparto equitativo de beneficios ou a diminución de riscos asociados ao emprendemento.
Como reforzo da charla, o alumnado visitou as instalacións do Pazo Baión (pertencente a Condes de Albarei) para coñecer o seu funcionamento da cooperativa e o proceso de produción do viño.
Comunicación en Martín Códax
Por outra banda, persoas socias da adega cooperativa Martín Códax recibiron formación sobre a importancia da comunicación no eficaz funcionamento dunha cooperativa. Abordáronse cuestións como as linguaxes verbal e non verbal, a expresión corporal, a escoita activa ou a influencia do estado de ánimo do comunicador na súa mensaxe.
Ademais, un coach especializado en comunicación ofreceu modos de lograr un clima de empatía no proceso comunicativo, para que emisor e receptor se comprendan efectivamente, así como diversos métodos para falar en público
Rede Eusumo
Asesoramento, formación, acompañamento nas iniciativas empresariais, apoio á internacionalización, celebración de encontros internacionais e transfronteirizos, intercambio comercial e cooperación transversal son outras áreas de actividade que definen a rede de colaboración Eusumo, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.



