NOTA DE PRENSA: Cooperativas Agro-alimentarias de España
Ante o rexeitamento ao acordo do Brexit do Parlamento Británico
Cooperativas Agro-alimentarias de España considera imprescindible traballar en plans de continxencia para o sector agroalimentario
- Tras o rexeitamento antonte do Parlamento británico, con 432 votos en contra e 202 a favor, do Acordo de retirada do Brexit negociado entre a Comisión Europea e o Goberno británico, Cooperativas Agro-alimentarias de España lamenta o resultado que alimenta unha maior incerteza. A partir deste momento é necesario que os sectores económicos españois, incluído o agroalimentario, se preparen para o peor dos escenarios e prevexan plans de continxencia ante a posibilidade real dun Brexit sen acordo.
O Acordo rexeitado, asinado entre a UE e o Goberno británico, daba seguridade ao sector agroalimentario, xa que establecía un período transitorio de 2 anos, ata o 31 de decembro do 2020, que mantería o status quo, xa que o Reino Unido permanecería no mercado único europeo respectando a libre circulación de persoas, produtos, capitais e servizos.
Un Brexit sen acordo implicará que o Reino Unido pasará a ser considerado país terceiro a partir do 30 de marzo. Este feito terá graves consecuencias para o sector agroalimentario español porque o Reino Unido é un dos nosos principais mercados, e significará a aplicación de aranceis ás exportacións agroalimentarias, controis en fronteira, declaracións de aduanas, cambio nos contratos en vigor entre operadores etc., o que pode provocar un colapso nas exportacións ao Reino Unido, e este podería sufrir importantes cortes no abastecemento, altamente dependente da UE.
En 2017, segundo datos do MAPA, o Reino Unido foi o quinto destino das nosas exportacións tras Francia, Alemaña, Italia e Portugal representando o 8% do total das nosas exportacións. Este mercado é especialmente importante para produtos clave da agricultura española como as froitas e hortalizas frescas, viño, aceite de oliva e carne de porco. Pero non só habería importantes consecuencias para as nosas exportacións directas, senón para o resto dos produtos, xa que, se outros países non poden exportar a Reino Unido, as súas producións quedarían no mercado interior europeo afectando a todos os países. Ademais, segundo varios estudos de impacto, España é un dos países tras Irlanda e Holanda, máis afectado por un Brexit sen acordo.
Cooperativas Agro-alimentarias de España valora o labor da Comisión Europea, co seu negociador xefe, Michel Barnier á cabeza, para alcanzar un acordo que primou a salvagarda do mercado único da UE, vital para o sector agroalimentario, e que lamentablemente o goberno británico rexeitou. A Comisión Europea sinalou a súa intención de non renegociar o acordo e espera que o Reino Unido aclare a súa postura.
Os Estados membros e os actores económicos da UE están a poñer en marcha plans de continxencia para o caso de non acordo. Neste sentido, Holanda está a ampliar as instalacións do porto de Roterdam para afrontar as colas de camións e barcos que terían que esperar a ser inspeccionados, contratando 750 novos axentes de aduanas etc. Pola súa banda, o Goberno de España puxo a disposición dos sectores económicos unha web con información en caso de non acordo. http://www.lamoncloa.gob.es/brexit/paginas/index.aspx
Desde Cooperativas Agro-alimentarias de España consideramos necesario que as empresas e as cooperativas afronten seriamente o peor dos escenarios, que é un Brexit sen acordo. Tamén facemos un chamamento ás institucións, comunitarias e españolas para que teñan en conta o importante impacto que se producirá no sector agroalimentario se ao final esta situación se chegase a producir.



