- A Rede Eusumo promove o Plan de Divulgación da Responsabilidade Social Emrpesarial nas cooperativas agroalimentarias de Galicia.
- Campodeza, A Capela, Bodegas Jesús Nazareno e Postoiro implantarán o Plan, co asesoramento de técnicos de AGACA.
As cooperativas agroalimentarias engloban un conxunto de actividades económicas e empresariais dentro do ámbito agroindustrial que perseguen o interese colectivo de agricultores e agricultoras, gandeiros e gandeiras, e da súas familias. Ademáis, perseguen o interese xeral económico e social da comarca onde se asentan, mostrándose como actores fundamentais no desenvolvemento do medio rural.
A Responsabilidade Social Empresarial (RSE) está en pleno desenvolvemento nos eidos económico e social actuais. Trátase dun movemento que promove nas empresas a conciencia de velar pola satisfacción e cumprimento das expectativas de todos os grupos de interese (stakeholders) cos que interactúan.
Así pois, a RSE pretende beneficiar o progreso da sociedade contribuíndo á mellora da calidade e competitividade das empresas, pois combina criterios de eficiencia, sustentabilidade e igualdade de oportunidades.
Divulgación da RSE
A Rede Eusumo establece actividades co fin de divulgar o coñecemento da RSE. AGACA púxoas en práctica entre as cooperativas do seu ámbito de influencia:
-Fomentar a utilización da metodoloxía XUNTA PRO-RSE, un programa informático gratuíto para a diagnose e implantación da memoria de RSE, ensinando ás cooperativas o proceso de implantación da ferramenta informática.
-Transferir e comunicar os resultados mediante a publicación da Memoria de RSE na páxina web das cooperativas.
– Fomentar o uso da marca PRO – RSECOOP. Unha vez que as cooperativas coñecen a RSE (mediante a transferencia do modelo e mediante a implantación do programa informático XUNTA PRO-RSE) poderíase desenvolver unha marca común, PRO-RSECOOP, que identifique as cooperativas socialmente responsables.
Para facilitar a xestión da Responsabilidade Social Empresarial así como a toma e tratamento de datos para acadar a diagnose, AGACA optou polo uso da ferramenta informática XUNTA PRO-RSE, que permite a integración das variables da RSE e facilita o seu tratamento para a posterior redacción da Memoria e do Informe de Sustentabilidade.
Implantación en cooperativas
As cooperativas gandeiras Campodeza e A Capela, a adega Jesús Nazareno e a hortícola Postoiro adoptaron un plan de traballo co obxectivo de integrar estratexias de Responsabilidade Social Empresarial.
O plan comprende os seguintes pasos:
- Compromiso da cooperativa. Os Consellos Reitores da cooperativa subscriben un compromiso formalizado como código de conduta que reflicte os valores e principios da entidade,
- Diagnose da RSE. Técnicos de AGACA realizan unha diagnose inicial da cooperativa nos ámbitos de xestión económica, ambiental e social para determinar o grao inicial de cumprimento dos indicadores de responsabilidade social corporativa. Os indicadores reflicten a eficiencia dos mencionados campos e serven para fixar accións de mellora necesarias para acadar os obxectivos fixados.
- Memoria de Responsabilidade Social. Logo de tomar datos e analizar resultados dos indicadores, redáctase unha Memoria de Sustentabilidade, que pode contribuír á mellora da xestión da sustentabilidade na cooperativa.
Rede Eusumo
Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2018 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta con financiamento do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.


04/10/2018
