O 24 de marzo a xornada “Muller e agrocooperativismo en Galicia” xuntou no compostelán Museo do Pobo Galego a decenas de persoas para dar a coñecer a evolución do rol das mulleres nas cooperativas do sector agroalimentario en Galicia, co gallo da presentación dos resultados preliminares do Sistema de Asistencia Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social, SAVES (máis información no Caderno Técnico), desenvolvido pola Universidade de Vigo, coa que colabora AGACA.
Na xornada, mulleres representativas do movemento cooperativo galego, xunto coa profesora da UVigo María José Cabaleiro, trazaron o mapa do percorrido que as cooperativistas levan avanzado en Galicia.
A tendencia é crecente, como explica Cabaleiro, cun punto de inflexión nas décadas dos 80 e os 90: “Consideramos que é polo inicio da democracia, a incorporación da muller ás entidades económicas, as posibilidades das mulleres de ostentar a titularidade das explotacións e a actividade”. Este avance suavizouse ata 2010, cando remontou de novo, chegando ao 50,31% de socias.
Os datos máis recentes, dunha mostra de 182 cooperativas agrarias que depositan os seus datos no Rexistro de Cooperativas, dan un valor do 46,81% de mulleres. Ademais, a tendencia suxire que son as de tamaño medio quen reúnen maior porcentaxe de socias: o 49,9% da base.
Con todo, durante a xornada incidiuse na dificultade de coñecer a situación real, pois danse casos onde a titularidade dunha explotación recae na esposa ou fillos e fillas malia ser outros membros da familia quen traballan e viceversa.
Tamén a nivel Administrativo hai avances, coa nova PAC que introduce a igualdade e o obxectivo específico de mellorar as condicións das mulleres rurais e incentivar a súa contratación e presenza en organizacións representativas.
En contraste, foi destacado durante o evento que as cooperativas achegan servizos no rural que corresponderían á Administración tomando como exemplo a vinculación de Viña Costeira coa Asociación Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense, pois abranguen varios concellos, algúns dos cales carecen de servizos públicos que as cooperativas provén, como explicou Concha Iglesias, vicepresidenta da adega.
Neste senso, Carmen Rodríguez, presidenta de Agaca e de Mulleres de Seu e vicepresidenta de Clun, afirmou: “Cústame comprender comentarios que se fan á familia da Economía Social, que nos achacan certo romanticismo frívolo, cando os que traballamos da man da ES estamos á procura do benestar das persoas e da sociedade e, aí, o rol da muller ninguén debería poñelo en dúbida porque as mulleres somos unha das principais forzas transformadoras da economía agraria”.
“As mulleres somos unha das principais forzas transformadoras da economía social”,
Carmen Rodríguez
Dolores Calvo (presidenta de Nós, As mulleres e da cooperativa Condes de Albarei, e integrante de AMCAE Asociación de Mujeres de Cooperativas Agro-alimentarias de España) avogou pola formación, tanto relacionada coa produción como con aspectos financeiros ou administrativos, unha reivindicación xeneralizada na xornada: “É o que nos vai dar seguridade: para que non te deixes pisar ou que tomen a túa imaxe para outros fins. Se non queres participar na cooperativa non o fagas, pero, se o fas, que sexa por ti mesma”.
Destacou, ademais, os logros dos últimos anos en materia de representación: “Fomos quen de integrar a perspectiva de xénero no sector cooperativo agroalimentario, que hai uns anos ninguén o plantexaba: creo que é un dos avances máis notorios”. Así, en 2019, Jerónima Bonafé, presidenta de AMCAE, incorporouse ao grupo de traballo de COPA-COGECA en Bruxelas representando ás cooperativistas: “Creo que onde se cocen as cousas e fan as políticas é importante ter alguén que vele polos nosos intereses e obxectivos”.
Higinio Mougán, director-xerente de AGACA, pola súa banda, destacou a importancia de fomentar a corresponsabilidade para acadar a igualdade, pois tanto estudos como a experiencia das cooperativas parecen apuntar a falta de corresponsabilidade como un dos principais obstáculos.
Ao remate da xornada realizouse unha pequena homenaxe á traxectoria profesional de Ana Vence, quen se xubilou. Vence narrou os seus comezos na secretaría da, daquela, recentemente instaurada cooperativa Campo Capela, nos anos 70, da que chegou ata a xerencia. “Vivín a constitución de AGACA, a de Delagro, grandes problemas en Caixa Rural… Vivín de cerca cousas moi importantes en Galicia grazas ás cooperativas e tamén momentos grises. […] Quedo con que hai ilusión por diante, coas persoas que estades aí e o esforzo, e con todo o que aprendín”, declarou.
Esta xornada enmárcase no programa de actuación 2022 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.




