- É a quinta actividade formativa sobre fitosanitarios de AGACA.
- O día 21 comezará outro curso en Santa Comba.
- Contan coa homologación da Consellería do Medio Rural.
Hoxe comeza o curso de Aplicador/Manipulador de Produtos Fitosanitarios (nivel básico) en Narahio (San Sadurniño), no que participarán unha trintena de alumnos.
De 25 horas de duración, estrutúrase en sesións prácticas e teóricas de: clasificación e descrición de pragas e de produtos fitosanitarios, avaliación e redución dos riscos de emprego e da perigosidade dos produtos fitosanitarios para a saúde e para a natureza, secuencia correcta de transporte, almacenamento e manipulación dos fitosanitarios, métodos de control de pragas e cuestións relacionadas cos equipos de aplicación.
O alumnado que supere os exames obterá o carné de Aplicador/Manipulador de Produtos Fitosanitarios, obrigatorio segundo o Real Decreto 1311/2012 para profesionais da agricultura e a gandería que realicen tratamentos na propia explotación sen empregar persoal auxiliar, así como para o persoal auxiliar de tratamentos terrestres e aéreos e o que manipule este tipo de produtos no sector da distribución comercial.
Trátase da quinta actividade formativa sobre fitosanitarios de AGACA no que vai de ano (logo dos realizados en Valdoviño e Narón). O día 21 comezará outro curso en Santa Comba. AGACA conta con profesorado especializado en diversas materias do sector agroalimentario para cubrir as necesidades formativas das entidades onde se solicite formación.



