ENTREVISTA REALIZADA POR REDE EUSUMO
Como ve AGACA a situación actual das cooperativas agroalimentarias?
As cooperativas agroalimentarias viviron un 2015 complexo e difícil debido á situación de deflación na economía española. A caída do prezo do petróleo e de diversas materias primas acaba repercutindo en produtos elaborados relacionados co sector alimentario. Ademais, aínda que non nos afecta directamente, tamén estamos expectantes ao que sucede na bolsa pola trascendencia que poida ter nos mercados e no financiamento. Sen embargo, de cara a 2016 temos as esperanzas postas na recuperación, que contará con apoios como o novo PDR de Galicia, programas operativos da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a futura Lei de Economía Social e a posta en marcha do Plan Estratéxico do Cooperativismo.
Que vantaxes pode aportar unha cooperativa agraria a un emprendedor?
Sobre todo, calquera persoa que queira impulsar un negocio pode atopar nas cooperativas agrarias un modelo empresarial no que a participación dos diferentes socios é fundamental e onde as decisións se toman sempre de xeito democrático. Ademais dos económicos, as cooperativas teñen outro tipo de beneficios para os seus socios e traballadores, como son a formación, o coñecemento do mundo empresarial e a conciliación familiar, que é máis doada no cooperativismo que noutro tipo de empresas.
Proliferan as cooperativas nunha economía máis real e apegada ao territorio?
As cooperativas prosperan en todas as sociedades, sobre todo nas máis complexas e naquelas cun sistema democrático consolidado. A súa razón de ser está en actividades que se poidan racionalizar, en todo o que esté pegado á realidade e fóra de ámbitos económicos especulativos. De feito, teñen unha maior presencia nos países nos que o nivel educativo é maior. O límite son as propias persoas.
Cales son os principais proxectos nos que traballa AGACA na actualidade e a medio e longo prazo?
Aínda que o noso programa de proxectos é moi amplo e diversificado, cómpre destacar o traballo que estamos a facer en múltiples ámbitos da I+D+i en cooperativas de todo tipo. Estamos colaborando en iniciativas non só en Galicia, senón tamén no resto de España e noutros países. Sumado a isto, no noso día a día impulsamos a formación e aspectos estratéxicos para a mellora das cooperativas, como son o seu maior dimensionamento e valor engadido.
Cal é o papel de AGACA no cooperativismo galego?
Somos compañeiros de viaxe, tanto nos bos como nos malos momentos. Queremos ser unha ferramenta de máxima utilidade aportando a nosa experiencia, coñecemento e profesionalidade.
Pode sinalar as principais tendencias no cooperativismo agrario?
Na actualidade, hai varias tendencias que destacan sobre as demais e están vinculadas con acadar unha maior dimensión para as cooperativas, así como valorizar os seus produtos. Ademais, o camiño é ser máis competitivos e eficientes para adaptarse ás condicións da contorna e dos mercados globais.
No propio sector agroalimentario conviven numerosas actividades que conforman a diversidade deste tipo de cooperativas, non é así?
Si, así é. Dentro deste sector hai especialización e nichos de mercado que abarcan diferentes cooperativas. Todos coñecemos os sectores mediáticos, pero hai moitos máis. Aparte desta especialización na actividade, atopamos empresas que optan por estratexias diferentes: unhas teñen produtos de maior valor engadido, mentras outras prefiren os produtos a granel. Unhas exportan e outras diríxense ao mercado interno, etc.
Considera que a economía social é unha modalidade en auxe nun mundo que traballa cada vez máis en rede?
Creo que si, que camiñamos cara un mundo cada vez máis en rede, participativo e colaborativo. Estas formas de facer economía estarán máis presentes na sociedade. As mesmas cooperativas agroalimentarias galegas son un exemplo exitoso de colaboración. Nun mundo máis esixente, a colaboración será moi necesaria dado que é difícil saber de todo. Isto é unha oportunidade, sobre todo para as cooperativas, que xa teñen unha cultura ampla en materia de colaboración.
Consulte máis información sobre REDE EUSUMO na súa páxina web: www.esusumo.gal.



