CARMEN GONZÁLEZ,
Secretaria de A Carqueixa S.Coop.Galega
Carmen González é unha das pioneiras do cooperativismo gandeiro nos Ancares. Foi unha das impulsoras da cooperativa A Carqueixa a comezos dos anos 90, nun contexto onde a maioría das explotacións figuraban a nome dos homes, malia que o traballo recaía nas mulleres. “Ou faciamos as maletas para Barcelona ou Madrid, ou quedabamos e loitabamos polo noso. Eu tiña claro que quería quedar”, lembra. Apostaron entón por organizarse colectivamente para facer rendible o seu traballo e vivir dignamente da gandería.
Naquel momento, o nome que figuraba como titular da explotación familiar era o do seu pai, pero era ela quen estaba ao fronte. Hoxe é a socia número 2 da Carqueixa,
un recoñecemento simbólico do avance social conseguido nestas décadas. “Fai trinta anos era impensable que unha muller figurase como responsable dunha explotación. Agora somos máis do 40 %”, destaca.
A súa traxectoria permitiulle ser testemuña directa dos cambios vividos na cooperativa. A presenza das mulleres nos espazos de decisión comezou a ser real hai unha década, e dende hai cinco anos A Carqueixa conta cun consello reitor paritario. En 2022, Carmen deu un paso máis e asumiu a secretaría: “Foi unha decisión necesaria. Tiñamos que demostrar que o cambio era posible. Representamos a 230 familias e, aínda que as decisións non sempre son fáciles, axúdame a medrar e a aprender cada día”.
A implicación de Carmen vai máis alá da súa cooperativa. Forma parte da rede Nós, as mulleres e doutras asociacións culturais, convencida de que o asociacionismo é clave para o desenvolvemento do rural e para o avance da igualdade: “Conectar con outras mulleres axúdache a seguir loitando e a sentir que non estás soa”. Non oculta que, malia os avances, as mulleres seguen a estar máis cuestionadas que os homes nos espazos de decisión: “Xa non estraña vernos nos consellos reitores, pero ás veces aínda temos que demostrar máis. Como se o noso traballo non abonda e tivésemos que xustificar constantemente que somos capaces”.
A súa explotación é unha das máis pequenas da cooperativa, pero está fondamente enraizada no territorio: “Competimos non por cantidade, senón por calidade. Así podemos mimar aos animais e aproveitar os recursos naturais sen danar o medio. As vacas saen a diario a pastar como se fixo sempre”.
Para Carmen, un dos maiores motivos de orgullo é ver como a súa sobriña tamén se implicou na cooperativa: “Ver que colle a remuda reafirma que todo o loitado valeu a pena. Ela naceu o mesmo ano que botamos a andar A Carqueixa, e vela agora defendendo este soño é unha recompensa inmensa”. E a todas as mulleres que dubidan se implicarse ou non nas súas cooperativas, anímaas con rotundidade: “Que crean nelas mesmas. Cando unha dá un paso adiante, faino por todas. Por quen quixo e non puido, e por quen pode pero non se atreve. Porque neste sector, aínda temos que demostrar cada día que somos capaces”, asegura.
A entrevista é posible grazas á actuación financiada a través do Programa de Asistencia Técnica 2025 enmarcado dentro das actuacións do Convenio MAPA– Cooperativas Agro-alimentarias de España para o desenvolvemento de diversas actividades de mellora da competitividade e modernización das cooperativas agroalimentarias e a formación, igualdade e remuda xeracional en consellos reitores.





