- O 11 de outubro, en Santiago, presentaranse os resultados de 7 proxectos nos que participou AGACA que supoñen innovacións en canto a cultivo de castaña, produción de leite, cría de cabra, de porco celta e de vacún cárnico, aproveitamento do metano e xestión enerxética sustentable.
A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias – AGACA organiza este venres, de 10:00 a 14:30 no Hotel Puerta del Camino, unha xornada na que se presentarán os resultados de sete proxectos nos que participa xunto con diferentes entidades investigadoras e produtoras de Galicia. Os proxectos contan con financiamento do FEADER, a Consellería do Medio Rural e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Cinco dos proxectos foron iniciados en 2017:
- No marco de ”Pulo ao Sector da Castaña: dende o souto ata a elaboración de produtos novidosos con castaña” analizouse o ciclo de vida, a pegada de carbono e a pegada hídrica asociados ao sector e creáronse novos produtos para os cales se buscaron nichos de mercado e se estudou a súa aceptación polo consumidor.
- — Desenvolven o proxecto: AGACA e Centro Tecnolóxico da Carne.
- “Novos sistemas de manexo e implantación dun sistema de clasificación de canais de Porco Celta” ten por obxectivo a posta en funcionamento dun novo sistema de manexo do porco celta e o desenvolvemento e implantación dun sistema de clasificación de canais de porco da raza celta en función da porcentaxe de magro.
- — Desenvolven o proxecto: AGACA, Tres Fuciños S. Coop. Galega e Centro Tecnolóxico da Carne.
- “EUREL” traballa pola produción dun leite competitivo respectuoso co medio, mediante a utilización de ferramentas de apoio e técnicas para un uso eficiente dos recursos da explotación leiteira.
- — Desenvolven o proxecto: AGACA, Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL) e Cooperativa Agraria Comarcal de A Coruña.
- “ESTERCOSOL” ten por obxectivo crear un sistema de xestión enerxética sustentable e recirculación de nutrientes para explotación.
- — Desenvolven o proxecto: AGACA e o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL).
- “Aproveitamento do metano nas granxas de vacún” busca reducir o impacto ambiental das emisións de metano asociadas ao gando estabulado e xerar un novo recurso enerxético valorizado na granxa.
- — Desenvolven o proxecto:AGACA, Universidade de Vigo, Sanvicor S.A., Energylab e SAT San Miguel.
E outros dous en 2018:
- “Vacún cervexeiro” consiste na produción de gando vacún en sistema extensivo alimentado con pasto e produtos naturais e de proximidade; tamén estuda a xestión do gando mediante drons e tecnoloxías de xeoposicionamento.
- — Desenvolven o proxecto: AGACA, Arturo Baqueiro Gabián, Centro Tecnolóxico da Carne y Universidade de Vigo.
- “Cabras 4.0” consiste en poñer en marcha un dispositivo virtual que permita controlar o rabaño a distancia, dende a pantalla dun computador ou dispositivo portátil.
- — Desenvolven o proxecto: AGACA, Comunidade de Montes Veciñais e en Man Común de Meira, Energylab.
Programa completo en “Documentación 1”.