A Conferencia Final de AgriCoopValue, proxecto que monetiza o valor social das cooperativas, trouxo a Santiago a representantes da esfera cooperativa europea. Entrevistamos a catro deles para trazar o mapa do sector agroalimentario e ver retos futuros.
Gabriel Trenzado é director xeral de Cooperativas Agro-alimentarias de España, entidade coa que leva vinculado en diferentes capacidades dende 2001, entre elas dirixindo a delegación da entidade en Bruxelas. Tamén a nivel europeo foi vicepresidente dos Grupos de Traballo do COPA-COGECA sobre promoción de Produtos Agrarios da Unión Europea e Cadea Alimentaria.
Como ve as cooperativas agrarias españolas?
Somos máis de 3.700 empresas cooperativas agroalimentarias en todos os territorios e zonas rurais de España, con máis de 38.000M€ de facturación. Traballamos en todos os sectores produtivos e en todos os elos da cadea e abarcamos máis dun millón de familias socias.
Por tanto, somos unha realidade fundamental para o sector agroalimentario e para as zonas rurais, e clave para o futuro á hora de afrontar
os retos que temos por diante para conseguir a rendibilidade e sustentabilidade das explotacións dos nosos socios e socias.
Como lles afectan a crise inflacionaria, a guerra de Ucraína e a seca?
Son fenómenos que non se tiñan producido de maneira conxunta e teñen un impacto conxuntural e estrutural.
No conxuntural, afrontamos unha combinación de factores que encarecen os medios de produción e as materias primas pola guerra de Ucraína e as tensións xeopolíticas que provoca, e moitas producións sufriron fortes diminucións pola seca e fenómenos climáticos extremos. Isto provocou un importante aumento do prezo dos alimentos ao consumidor. Paradoxalmente, os prezos altos non levan a unha mellor rendibilidade da produción, todo o contrario, xa que non cobren o aumento de prezos. É unha situación endemoñada que o consumidor non comprende.
A esta situación conxuntural súmanselle carencias estruturais do sector, cuxos efectos se están acelerando e cambian a tendencia da produción agrícola e gandeira. O abandono de explotacións, a falta de remuda xeracional e a aplicación de regulamentos máis estritos en materia ambiental eliminarán explotacións que non poidan abordar o cambio de modelo produtivo de xeito eficiente, porque se converterá nun custo inasumible nunha cadea alimentaria que segue sen xerar valor suficiente para a produción.
Idalino Leão preside Confagri (Confederación Nacional das Cooperativas Agrícolas e de Crédito Agrícola de Portugal) dende 2022. Tamén dende ese ano preside AGROS, que representa a 44 cooperativas e uns 800 produtores de leite en Portugal e é parte do Grupo Lactogal.
Como se desenvolve o cooperativismo agroalimentario portugués?
Confagri apela a reforzar o apoio á produción de alimentos e ás organizacións económicas dos produtores, para reforzar a nosa soberanía alimentaria e a posición dos produtores nacionais na cadea agroalimentaria. Ante a situación especialmente difícil e adversa que vive o sector agrario, que arrisca a viabilidade de miles de explotacións e debilita o tecido produtivo nacional, considero necesario sumar esforzos para que haxa unha resposta rápida e axustada á magnitude das dificultades. Para isto é imprescindible que o poder político tamén se implique e asuma o sector cooperativo como algo fundamental para a cohesión do territorio, creando medidas específicas e exclusivas.
TJ Flanagan dirixe ICOS (Sociedade Irlandesa de Organizacións Cooperativas) dende 2016. ICOS presta servizos a cooperativas que, en conxunto, superan os 150.000 membros individuais e empregan a máis de 12.000 persoas en Irlanda.
Houbo unha gran flutuación nos mercados de produtos lácteos debido á Guerra de Ucraína. Como afectaron a guerra e a inflación aos produtores de leite irlandeses?
O maior efecto foi a espectacular inflación dos prezos dos pensos, fertilizantes e enerxía. Inmediatamente despois da invasión, o principal temor era que non houbese dispoñibilidade de
fertilizantes nin importacións de pensos da rexión, pero, a medida que avanzaba o ano, o principal problema era o enorme aumento dos custos. Isto probablemente aumentou o custo de produción de leite en 10-12 céntimos por litro.
Ricardo Delgado preside COVAP (Cooperativa Ganadera del Valle de los Pedroches) dende 2008. Une a 4500 produtores e traballa nos sectores lácteo (vacún, ovino e caprino), cárnico (porcino, ovino e vacún) e alimentación animal. En Galicia abriu Naturleite en 2019.
Afecta a guerra de Ucraína á actividade de vacún de leite de COVAP?
Foi un dos maiores condicionantes do prezo da alimentación animal en todas as especies gandeiras e en particular no vacún de leite; iso agravou a constante suba dalgúns meses atrás. Non eramos conscientes da dependencia que ten Europa, e á súa vez España, das importacións de cereal e xirasol dende Ucraína, especialmente de millo, o cereal máis usado na nutrición do vacún de leite.