Transición feminina progresiva nos Consellos das cooperativas

Agaca
Por Agaca Xullo 19, 2019 11:32

ACTIVIDADES

Outubro 2019

REVISTA AGACA

  • 144_portada_wb

    Cooperación Galega Nº 144 Agosto 2019

    Editorial: Viticultores en problemas coa Seguridade Social
    A fondo: Daniel Ferreiro: “A decisión de fusionar Aira foi un acerto”
    Caderno Técnico: Oportunidades de negocio no sector primario

    Ver Online Ver Todas Hemeroteca
  • IMG_0147En 10 anos a presenza das mulleres nos órganos reitores das cooperativas agroalimentarias galegas aumentou dun 12% a un 22%.
  • 41 mulleres de 18 entidades xa son parte de NÓS, AS MULLERES, Asociación de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias de Galicia.
  • A Asociación busca dar visibilidade á muller en todos os ámbitos profesionais ligados ao sector agrogandeiro no eido cooperativista e promover unha maior participación nos consellos reitores.

O xoves, 19 de xullo tivo lugar en Santiago de Compostela a derradeira sesión das Xornadas dedicadas ao apoderamento de mulleres socias de cooperativas baixo o título “Emprendemento, Igualdade e Asociacionismo” na que tomaron parte unha trintena de mulleres, socias e directivas de cooperativas galegas.

A xornada comezou cun repaso pola situación actual da muller no rural e nas cooperativas por parte de Ruth Rodríguez, axente de Igualdade de Xénero en AGACA. Os datos facilitados deixan entrever un avance tranquilo aínda que continuado na participación da muller nos consellos reitores das cooperativas, alcanzando nestes momentos unha cota do 22%. A porcentaxe de mulleres socias de cooperativas no agro alcanza o 45% (sobre un total de arredor de 27.800 persoas socias). Dende AGACA esperamos que coa creación de “Nós, as Mulleres”, estas porcentaxes continúen crecendo.

Carmen Martínez, responsable da área de Igualdade de Cooperativas Agro-alimentarias de España expuxo as liñas estratéxicas en materia de igualdade de oportunidades no ámbito das cooperativas, destacando diversos convenios asinados con entidades a nivel nacional co obxecto de promover a presenza das mulleres nos postos de gobernanza.

Enfatizou a importancia de que nas entidades existan departamentos ou áreas específicas dedicadas á materia da igualdade e esbozou os sete pasos seguidos pola Federación neste punto: sensibilización, comunicar o que se está a facer, formación (indispensable para avanzar), empoderaramento, liderado, conciliación e responsabilidade social. “Cando hai mulleres nos consellos reitores, rápido comezan a entrar outras”, destacou Martínez.

Jerónima Bonafé, presidenta da Asociación de Mulleres de Cooperativas Agro-alimentarias de España (AMCAE) e de Cooperativas Agroalimentarias de Baleares desprazouse ata Compostela para apoiar a constitución de “Nós, as mulleres”. Trasladou a experiencia do percorrido desenvolvido por AMCAE, nacida en 2013: “O obxectivo da Asociación é incorporar á muller na actividade económica da cooperativa; incentivar o acceso aos órganos de goberno e abordar o relevo xeracional coa inclusión de máis mulleres no sector agroalimentario”.

A parte institucional correu a cargo de Juan José Lirón, subdirector xeral da Consellería de Economía, Emprego e Industria e de Susana López, secretaria xeral de Igualdade que apuntaron as políticas activas de emprego de interese para as mulleres rurais e as medidas de fomento promovidas pola Secretaría Xeral de Igualdade, respectivamente.

A secretaria xeral expresou a súa “admiración” polo traballo que están a facer as mulleres galegas no percorrido de alcanzar a igualdade e presentou o programa “Emega”, dotado cun orzamento de 1,7 millóns de euros dirixido ás mulleres que deciden emprender, e especialmente no rural galego.

Lirón, pola súa parte, avanzou os distintos apoios públicos á contratación previstos pola Consellería de Emprego centrados na innovación e na formación.

Na clausura do evento participaron Dolores Calvo, presidenta de “Nós, As Mulleres”; Jerónima Bonafé (AMCAE); José Montes, presidente de AGACA e Susana López, S.X. Igualdade.

A Asociación

“Nós, as mulleres” está integrada por 41 mulleres de 18 entidades cooperativas agroalimentarias galegas, das que 5 son presidentas, 5 vicepresidentas, 13 con outros cargos en consellos reitores, 8 socias, unha responsable da Área Social, 7 xerentes, unha responsable de Recursos Humanos e unha axente de Igualdade, de AGACA.

As cooperativas representadas na Asociación alcanzan un volume de facturación de 380 millóns de euros, superan as 9.600 persoas socias e empregan a máis de 900 persoas.

A nivel sectorial integran os subsectores de vacún de carne e de leite, de viño, de horta, flor, lúpulo e porcino.

O obxectivo da Asociación é o desenvolvemento efectivo e integral da muller, das súas capacidades, da súa participación e da promoción da igualdade no seo do movemento das cooperativas e SAT socias de AGACA. Busca dar visibilidade á muller empresaria, directiva, profesional e traballadora en todos os ámbitos económicos e sociais do movemento asociativo agrario e do mundo rural no seu conxunto.

Entre as accións xa programadas pola Asociación atópanse un obradoiro de “Apoderamento de mulleres socias de cooperativas” con sesións formativas polas tardes e visitas a cooperativas que comezou onte na cooperativa Xallas-Santa Comba con sesións previstas para hoxe, e os martes 23 e 30 de xullo.

Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2019 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social, que conta con financiamento do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Agaca
Por Agaca Xullo 19, 2019 11:32
Escriba un comentario

Non existen comentarios

Aún no hay comentarios.

Podes ser o primeiro en comentar esta entrada

Escriba un comentario
Ver comentarios

Escriba un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicado.
Los campos obligatorios están marcados*