Ruth Rodríguez Ferreiros
Licenciada en Administración e Dirección de Empresas
Deseño, toma de datos e elaboración de estudos socioeconómicos
981 584 783
981 571 730
rferreiros@agaca.coop
O departamento de Estudos socieconómicos de AGACA encárgase da elaboración de diferentes estudos e informes que versan sobre a situación económica das cooperativas agrícolas e gandeiras no sector agrario de Galicia.
A través das cifras que se extraen destes estudos preténdese que todos, propios e alleos ao sector, verifiquen a gran transcendencia económica e social que posúe o conxunto global do cooperativismo agrario galego, sobre todo en sectores tan estratéxicos para a economía galega como son o lácteo, o cárnico ou o de fabricación de pensos para a alimentación animal. O futuro destes sectores posiblemente estea condicionado e limitado polo desenvolvemento e a competitividade das cooperativas agrarias que operan nos mesmos.
Dun xeito máis concreto, queremos achegar aos xerentes, técnicos e persoas interesadas no eido do cooperativismo agrario ferramentas de análise e comparación das variables máis importantes que conforman esta parte da economía social.
O informe estrela dos cociñados neste departamento é, sen dúbida, o Informe sobre a xestión e o estado económico do cooperativismo agrario en Galicia, que xa vai polo número IX. O Informe contén datos que poden axudar a que a xestión das cooperativas agrarias sexa o máis eficiente posible, de xeito que se garanta a consecución dos seus obxectivos sociais. É moi importante darse conta que a meirande parte dos estudos existentes sobre esta materia están pensados para as empresas puramente capitalistas, polo que todos carecen desa outra parte que caracteriza ao terceiro sector. É necesario ter moi ben definidos os dous aspectos que caracterizan a unha sociedade cooperativa: por un lado, a súa vertente empresarial (rendibilidade, competitividade, adaptación ao mercado, ...) e, polo outro, a súa faceta social vinculada ao servizo aos socios. Son dúas direccións que deben confluír nunha soa: para atender de forma óptima ás necesidades dos socios necesítanse estruturas empresariais sólidas e competitivas.
As cooperativas agrarias enfróntanse a grandes e novos retos. Xa non se trata só de comercializar en común, concentrar a oferta e a demanda ou aumentar a cantidade de servizos ós socios. Agora máis que nunca, as cooperativas necesitan ser coñecidas polo consumidor, gañar a súa confianza ofrecendo calidade e seguridade alimentaria e diferenciando o seu produto do resto do mercado. Para iso é necesario seguir traballando a prol da profesionalización do sector, da cualificación técnica e da modernización da xestión.
(c) 2007, AGACA - Asociación de Cooperativas Agrarias de Galicia :: Información Legal