Asociación Galega de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias Nós, as Mulleres

A Asociación Galega de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias “Nós, as Mulleres” foi constituída o 4 de xullo de 2019.

Os seus estatutos inclúen unha ampla liña de fins e obxectivos para favorecer a consecución e o fomento dos principios de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, aumentando a presenza de mulleres en postos de responsabilidade e toma de decisións, e tamén para cumprir fitos en todos os ámbitos, dende a promoción do emprego de novas tecnoloxías nas cooperativas ata a prevención da violencia de xénero.

OBXECTIVOS

Así pois, o obxectivo da Asociación é desenvolvemento efectivo e integral da muller: das súas capacidades, da súa participación e da promoción da igualdade no seo do movemento das cooperativas e SAT socias de AGACA.

Busca dar visibilidade á muller empresaria, directiva, profesional e traballadora en todos os ámbitos económicos e sociais do movemento asociativo agrario e do mundo rural no seu conxunto.

DATOS

No contexto en que nace Nós, as Mulleres, os datos deixan entrever un avance tranquilo aínda que continuado na participación da muller nos consellos reitores das cooperativas, alcanzando unha cota do 22%. A porcentaxe de mulleres socias de cooperativas no agro acada o 45% (sobre un total de arredor de 27.800 persoas socias). A aspiración de “Nós, as mulleres” é que estas porcentaxes continúen crecendo.

20190704_nos-as-mulleres-panorama-narrow-wb

QUEN INTEGRA NÓS, AS MULLERES?

Na actualidade, Nós, as mulleres está integrada por 41 mulleres de 18 entidades cooperativas agroalimentarias galegas, das que 5 son presidentas, 5 vicepresidentas, 13 con outros cargos en consellos reitores, 8 socias, 1 responsable de área Social, 7 xerentes, 1 responsable de Recursos Humanos e 1 axente de Igualdade de Xénero (de AGACA).

As cooperativas representadas na Asociación alcanzan un volume de facturación de 380 millóns de euros, superan las 9.600 persoas socias e empregan a máis de 900 persoas.

A nivel sectorial integran os subsectores de vacún de carne e de leite, de viño, de horta, flor, lúpulo e porcino.

Principalmente, as persoas que poden formar parte da Asociación son mulleres que ostentan cargos nos órganos de decisión de cooperativas vinculadas a AGACA —ou socias, se non hai mulleres no consello reitor— e empregadas nas cooperativas. Existen, ademais outras figuras con características especiais:

– Entidades colaboradoras: persoas xurídicas socias de AGACA, e organismos públicos ou privados, que se comprometan formal e publicamente a fomentar e perseguir os obxectivos e fins da asociación.

– Persoas socias honorarias: aquelas persoas físicas ou xurídicas, organismos e institucións públicas ou privadas, a quen a Asemblea Xeral da Asociación conceda tal honra en atención aos seus méritos.

– Persoas socias protectoras: son aquelas que comparten e participan dos obxectivos de Nós, as Mulleres, pero cuxa achega á Asociación é exclusivamente económica.

VER NOTICIAS RELACIONADAS