— Axudas do Programa Conecta PEME para cooperación en innovación

Agaca
Por Agaca Decembro 30, 2015 14:32

Información de la ayuda

Derogada / Fóra de prazo

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Conecta Peme para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos de investigación e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e procédese á súa convocatoria para o ano 2016. Axencia Galega de Innovación. DOG Nº 243. (22/12/2015)

OBXECTIVO

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación do programa Conecta Peme para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos de investigación e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia.

Reto estratéxico: sintetiza o conxunto de prioridades tecnolóxicas e de innovación da estratexia RIS3 de Galicia baseadas tanto en actividades existentes como en oportunidades de futuro. Os retos estratéxicos son:

Reto 1: xestión innovadora de recursos naturais e culturais. Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan no melloramento da eficiencia e rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

Reto 2: o modelo industrial da Galicia do futuro. Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e as tecnoloxías facilitadoras esenciais.

Reto 3: novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo. Posicionar a Galicia para o ano 2020 como a rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: envellecemento activo, a aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.

ACTIVIDADES SUBVENCIONABLES

Son actividades subvencionables a investigación industrial, o desenvolvemento experimental, a innovación en materia de organización e a innovación en materia de procesos. Para os efectos desta resolución, entenderanse por tales conceptos as definicións contidas no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

a) Investigación industrial: investigación planificada ou estudos críticos encamiñados a adquirir novos coñecementos e aptitudes que podan ser útiles para desenvolver novos produtos, procesos ou servizos, ou permitan mellorar considerablemente os xa existentes. Comprende a creación de compoñentes de sistemas complexos e pode incluír a construción de prototipos nun contorno de laboratorio ou nun contorno con interfaces simuladas cos sistemas existentes, así como liñas piloto cando sexa necesario para a investigación industrial e, en particular, para a validación de tecnoloxía xenérica.

b) Desenvolvemento experimental: a adquisición, combinación, configuración e emprego de coñecementos e técnicas xa existentes, de índole científica, tecnolóxica, empresarial ou doutro tipo, con vistas á elaboración de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados. Pode incluír, tamén, por exemplo, actividades de definición conceptual, planificación e documentación de novos produtos, procesos e servizos. Entre as actividades poderá figurar a elaboración de proxectos, deseños, plans e demais tipos de documentación, sempre e cando non vaia destinada a usos comerciais.

O desenvolvemento experimental poderá comprender a creación de prototipos, a demostración, a elaboración de proxectos piloto, o ensaio e a validación de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados, en contornas representativas de condicións reais de funcionamento, sempre que o obxectivo principal sexa achegar novas melloras técnicas a produtos, procesos ou servizos que no estean substancialmente asentados. Pode incluír o desenvolvemento de prototipos ou proxectos piloto que poidan utilizarse comercialmente cando sexan necesariamente o produto comercial final e a súa fabricación resulte demasiado onerosa para o seu uso exclusivo con fins de demostración e validación.

O desenvolvemento experimental non inclúe as modificacións habituais ou periódicas efectuadas en produtos, liñas de produción, procesos de fabricación, servizos existentes e outras operacións en curso, aínda cando as ditas modificacións poidan representar melloras deles.

c) Innovación en materia de organización: a aplicación dun novo método organizativo ás prácticas comerciais, a organización do centro de traballo ou as relacións exteriores dunha empresa. Non se inclúen os cambios baseados en métodos organizativos xa empregados na empresa, os cambios na estratexia de xestión, as fusións e adquisicións, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

d) Innovación en materia de procesos: a aplicación dun método de produción ou subministración novo ou significativamente mellorado (incluídos cambios significativos en canto a técnicas, equipamentos ou programas informáticos). Non se inclúen os cambios ou melloras de importancia menor, os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

CONDICIÓNS DOS PROXECTOS

1. Os proxectos estarán en consonancia cos retos contidos na RIS3 Galicia de acordo coa definición destes que se realiza no artigo 2 desta resolución e coas súas liñas prioritarias que se detallan no anexo V.

2. Os proxectos de I+D+i subvencionables ao abeiro desta convocatoria deberán realizarse sempre en cooperación con pemes e ter un orzamento subvencionable mínimo de 500.000 euros e un máximo de 1.500.000 euros dividido nas distintas actividades que realizará cada un dos integrantes da agrupación. Exixirase unha participación mínima por cada membro da agrupación de 75.000 euros e a repartición da participación de cada empresa deberá ser equilibrada, e non superará en ningún caso, a participación dunha única empresa (ou empresas vinculadas) o 65 % do orzamento subvencionable total do proxecto.
Poderán incluírse grandes empresas, a súa participación limitarase a un máximo do 25% do orzamento subvencionable total do proxecto.

3. A duración mínima da actividade será de dúas anualidades e a máxima estenderase ata o 31 de decembro de 2018.

BENEFICIARIOS

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as agrupacións de empresas, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007) que realicen proxectos de I+D+i en colaboración. As empresas poderán ser pequenas, medianas ou grandes.

2. As agrupacións deberán estar constituídas, como mínimo, por dúas empresas non vinculadas entre si das que unha deberá ser peme e, como máximo, por seis empresas. O tamaño da agrupación será o necesario para garantir unha xestión eficaz. Na agrupación poderá participar só unha grande empresa coa participación máxima sinalada no artigo 4.2 desta resolución. No caso de que na agrupación non participe ningunha pequena empresa, será necesario que, como mínimo, unha destas sexa subcontratada por calquera das empresas da agrupación para desenvolver tarefas/actividades de I+D+i dentro do proxecto.

3. Se a agrupación de entidades participantes no proxecto non ten personalidade xurídica, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención para aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En todo caso, deberá nomearse un líder que será o representante único da agrupación, único interlocutor coa Administración en todo o procedemento, e con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.

4. As agrupacións rexeranse polo documento contractual que as regule. O funcionamento interno da agrupación responderá a criterios de autonomía de xestión, e un dos socios, o líder, asumirá a dirección do proxecto e a representación da agrupación ante a Administración, o cal deberá constar expresamente no documento contractual que se realice para ese efecto. O líder recibirá a axuda concedida e será o responsable da súa distribución entre os socios participantes, de acordo coa repartición establecida no orzamento aprobado na resolución de concesión da axuda conforme os seus compromisos de participación nel e coa resolución de pagamento tras a xustificación finalmente admitida pola Axencia Galega de Innovación.

INTENSIDADE DAS AXUDAS E CONCORRENCIA

1. As axudas concederanse en forma de subvencións. A contía máxima da axuda que pode ser concedida aos proxectos seleccionados determinarase sobre o investimento subvencionable de cada beneficiario da agrupación:

  Pequena Empresa Mediana Empreesa Grande Empreesa
Investigación industrial con colaboración efectiva entre empresas 80 % 75 % 65 %
Desenvolvemento experimental con colaboración efectiva entre empresas 60 % 50 % 40 %
Innovación en materia de procesos e organización 50 %. 50 %. 50 %.

 
 
CONCEPTOS SUBVENCIONABLES

1. Os custos subvencionables desagregaranse nas seguintes partidas.

a) Custos directos: os custos directos son aqueles que están directa e inequivocamente relacionados coa actividade subvencionada e cuxo nexo con esta actividade pode demostrarse. Consideraranse custos directos subvencionables os seguintes:

  1. Custos de persoal: custos de persoal propio e os do persoal de nova contratación que se incorpore á empresa para a realización do proxecto (persoal investigador, técnico e persoal auxiliar que realice actividade de investigación) no tempo imputado exclusivamente ao desenvolvemento das actividades de I +D+i do plan de traballo do proxecto.
  2. Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición.
  3. Materiais, subministracións e produtos similares.
  4. Adquisición de patentes.
  5. Servizos tecnolóxicos externos.
  6. Subcontratacións. Como máximo ata o 50% do importe da actividade subvencionada.

b) Custos de carácter indirecto: os custos indirectos son aqueles que non están vinculados ou non poden vincularse directamente coa actividade subvencionada por ter carácter estrutural pero resultan necesarios para a súa realización, nos cales se inclúen os gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), gastos de supervisión e control de calidade, subministracións (tales como auga, electricidade, calefacción, teléfono), seguros, seguridade ou gastos de limpeza.

PRAZOS DE XUSTIFICACIÓN

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Primeira anualidade Desde a data de presentación da solicitude ata o 30 de novembro de 2016
Segunda anualidade Desde o 1 de decembro de 2016 ata o 30 de novembro de 2017
Terceira anualidade Desde o 1 de decembro de 2017 ata o 30 de novembro de 2018

 
 
PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

O prazo de presentación de solicitudes REMATA O DÍA 22 DE XANEIRO DE 2016.