— Axudas a instalacións e equipamentos en réxime asociativo. Ata 20/06/2019

Agaca
Por Agaca Maio 24, 2019 14:15

Información de la ayuda

Derogada / Fóra de prazo

 

RESUMO ELABORADO PORAgaca

Pode consultar/descargar este resumo da Orde en “Documentación” (formato PDF) e a Orde completa na ligazón “Web”

— ORDE do 7 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas ao fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019. Consellería do Medio Rural DOG Nº 94, 20/05/2019

OBXECTO E FINALIDADE

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de explotación conxunta de instalacións e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, e convocalas para o ano 2019, no marco do PDR de Galicia 2014-2020 dentro da medida 4 (Investimentos en activos físicos), submedida 4.1 (Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas) (procedemento MR323C).

Estas axudas teñen como finalidade:
1. Mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización, en particular co obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara ao mercado, así como a diversificación agrícola.
2. Reducir as emisións dos gases efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura.

BENEFICIARIAS

Poderán acollerse a estas axudas os seguintes beneficiarios:
a) Cooperativas agrarias titulares de explotación agraria inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.
b) Cooperativas agrarias con socios titulares de explotacións agrarias inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

COMPROMISOS QUE DEBEN ASUMIR AS ENTIDADES BENEFICIARIAS DAS AXUDAS

1. Permanencia da entidade na actividade durante 5 anos desde o pagamento da axuda. Durante todo o dito período de tempo, debe cumprir os mesmos requisitos que no momento da concesión da axuda.
2. Permanencia dos investimentos durante 5 anos desde o pagamento da axuda.
3. Dispor de contabilidade segundo o Plan Xeral Contable.
4. Cumprir as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, de conformidade coa normativa comunitaria e nacional, coa propia orde e co programa de desenvolvemento rural de Galicia aprobado pola Unión Europea.
5. Establecer as normas internas de funcionamento que sexan necesarias para garantir o correcto funcionamento e a continuación da actividade de que se trate.

INVESTIMENTOS SUBVENCIONABLES

1. Serán subvencionables as actuacións relacionadas a continuación:

a) Reforma ou construción de instalacións que supoñan unha redución nos custos de produción ou un incremento da produtividade
b) A compra de terreos por un valor inferior ao 10 % do custo subvencionable.
c) Os investimentos inmateriais asociados á realización dos investimentos materiais enumerados, que poden comprender gastos xerais tales como honorarios dos técnicos que elaboren os proxectos de construción ou reforma, licenzas de software e outros permisos.

2. Os gastos xerais dos proxectos, non poderán superar o custo subvencionable do investimento, establecéndose un máximo dun 3 % para a redacción do proxecto, dun 3 % para a dirección de obra e dun 3 % para o estudo de viabilidade ou plan empresarial.

3. Non serán subvencionables a compra de dereitos de produción agrícola, animais e plantas anuais e a súa plantación; investimentos de simple substitución; maquinaria de segunda man; os custos de conservación e mantemento ou os derivados do funcionamento
da explotación; os montes baixos de ciclo curto; maquinaria ou investimentos relacionados coa transformación ou coa comercialización; a maquinaria e investimentos de carácter forestal.
Tampouco será subvencionable o IVE nin as licenzas e taxas administrativas.

PRESENTACIÓN DOS PERMISOS ADMINISTRATIVOS

Para esta convocatoria, as obras e construcións que precisen da correspondente licenza municipal deberán contar con ela, de acordo co establecido na normativa urbanística.

Para iso deberán presentar a licenza municipal xunto coa solicitude de axuda nun prazo adicional de tres meses desde que remate o prazo de presentación das solicitudes. O mesmo prazo establécese para o caso de investimentos que deban contar con calquera outro permiso administrativo, de acordo coa correspondente normativa sectorial. O non cumprimento destes requisitos suporá a denegación da axuda.

CONTÍA ECONÓMICA DAS AXUDAS

1. O importe da axuda será do 40% dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata
un máximo do 60% en función da aplicación dos seguintes criterios:

a. 10% no caso dos investimentos relacionados con operacións en agricultura ecolóxica.
b. 15% en investimentos colectivos, cando o beneficiario é unha entidade procedente de fusión de cooperativas finalizada nos últimos 5 anos.
c. 10% para investimentos en zonas con limitacións naturais u outras limitacións específicas, recollidas no artigo 32 do Regulamento (UE) 1305/2013.
d. 10% no caso das operacións subvencionadas no marco das Asociacións Europeas de Innovación (AEI) en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola.

Establécese un investimento mínimo subvencionable de 100.000 € e un máximo de 5.000.000 €.

PRAZO DE SOLICITUDES

O prazo xeral para a presentación de solicitudes finalizará o 20 de xuño de 2019.

O prazo de xustificación destas axudas remata o 30 de setembro de 2021, incluído.