• O alumnado do CEIP As Covas-Meaño aprendeu sobre nutrición e cooperativismo nunha actividade organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA).

20200124_Amorzo_As-covas-Meano-eusumo
Unha trintena de estudantes de terceiro e cuarto de primaria do colexio As Covas-Meaño participou esta mañá en “Almorzos Cooperativos”, unha actividade organizada por AGACA no marco da Rede Eusumo.
O programa “Almorzos Cooperativos” ten por obxectivos reforzar entre nenos e nenas  a importancia da alimentación nutritiva e a actividade física para manter a boa saúde, ademais de darlles a coñecer o sistema de produción de alimentos e o papel das cooperativas niso.

O alumnado de As Covas-Meaño recibiu unha charla sobre as propiedades dos alimentos e como combinalos para formar un almorzo equilibrado  probou, como exemplo, un composto por froita, leite e torradas con aceite.

Para aprender o concepto de cooperativismo realizáronse xogos que fomentan a colaboración entre participantes e entrouse un cómic didáctico.

Microrrelatos

Por outra parte, AGACA e Rede Eusumo poñen en marcha un concurso de microrrelatos dirixido a escolares de segundo ciclo de primaria, co obxectivo de fomentar a escritura e impulsar o interese polo cooperativismo e pola produción de alimentos, a agricultura e o medio rural. Os centros educativos públicos de Galicia interesados en participar poden consultar as bases ou chamar ao 981 584 783.

Rede Eusumo

Esta actividade se enmárcase  no programa de actuación 2020 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.

 24/01/2019LOGOS-EUSUMO-2020