• O proxecto Entrando na Economía Gig ten como obxectivo principal preparar as persoas e as comunidades para as oportunidades e ameazas da “Economía Gig”, sobre todo a aqueles marcados pola exclusión social.
  • Facilita o impulso do coñecemento sobre a emerxente “Economía Gig” para compartir, debater e desenvolver métodos efectivos para abordar os seus riscos e oportunidades.
  • Integran o proxecto, xunto a AGACA e o Concello de Vedra, socios irlandeses, holandeses e italianos.
  • Entrando na Economía Gig enmárcase no programa da Unión Europea, ERASMUS+, de apoio á educación, formación, xuventude e deporte.

20191226_GIG-Economy-kick-off-20191125“Gig”. Probablemente teñas oído esta palabra en diferentes contextos. Gigging era orixinalmente a xerga que empregaban os músicos para unha actuación. Hoxe en día, vén significar moito máis. A “Economía Gig” representa un contorno no que os postos de traballo temporais son habituais e as organizacións contratan traballadores independentes para contratos a curto prazo.

En outubro de 2019, organizacións de distintos países de Europa reuníronse en Carlingford, Irlanda, para poñer en marcha un proxecto de dous anos e medio de duración, que abordará tanto as oportunidades como os riscos que se cernen sobre a emerxente “Economía Gig”.

Liderado polo Consello do Condado de Meath (Irlanda), o consorcio facilitará o impulso do coñecemento sobre a emerxente “Economía Gig” e compartirá, debaterá e desenvolverá métodos efectivos para abordalo. Ademais de concienciar e poñer en contacto a todas as partes interesadas na materia (entidades formativas, Administracións Públicas e mercado laboral), os socios desenvolverán e dirixirán un programa de formación profesional para a xuventude e os máis afectados polo mercado laboral da “Economía Gig”.

A Economía Gig baséase na temporalidade laboral. O proxecto forma aos afectados sobre oportunidades e contra posibles malas prácticas

“O “traballo Gig” pode ser a tempo completo ou parcial, ou incluso un proxecto puntual. Hai “Gigs” nos máis altos niveis profesionais e tamén entre os que buscan unha alternativa a cambio do salario mínimo. O factor clave é que os traballadores non son empregados por conta allea, senón provedores independentes. Cada vez máis persoas están dentro da “Economía Gig”, creando un enorme mercado para millóns de persoas”, di Conor Patterson, director de WIN Consulting, en Dundalk (Irlanda).

Joe English, do Consello do Condado de Meath, engade: “Pero, ao mesmo tempo, sorprendentemente, coñécense moi pouco as realidades do ‘traballo Gig’: Trátase dunha nova forma de traballo por conta propia ou dunha nova forma de explotación? Existe unha crecente necesidade de reflexionar sobre como a sociedade debe enfocar estes cambios dunha maneira que protexa e eduque a xuventude”.

Gig-Economy-LogoAdemais do Consello do Condado de Meath, socio líder, e do socio rexional de Irlanda, WIN Consulting, tamén forman parte do proxecto as seguintes entidades e países europeos: a universidade VET Friesland College e a Fundación Learning Hub Friesland, dos Países Baixos, o Concello de Vedra e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias AGACA, de España, e a Municipalidade de Capannori e a axencia formativa Formetica, de Italia.

 26/12/2019