— Ayudas submedidas Leader 19.2 e 19.4: desarrollo local participativo

Agaca
Por Agaca enero 19, 2017 13:16

Información de la ayuda

Derogada / Fuera de plazo

 

RESUMEN ELABORADO PORAgaca

Puede consultar/descargar este resumen de la Resolución en “Documentación”(formato PDF) y la Resolución completa en español en el enlace “Web”

— RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2016 pola que se publica o Acordo do Consello de Dirección do 29 de decembro de 2016 polo que se aproban as bases reguladoras das axudas que se tramiten ao abeiro da medida Leader (submedidas 19.2 e 19.4), cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR). AGADER (DOG Nº12, 18/01/2017)

OBXECTO

O obxecto destas bases reguladoras é establecer as regras para a concesión e xustificación das axudas encadrables na submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme a Estratexia de desenvolvemento local participativo)
do PDR de Galicia 2014-2020 que se tramiten en réxime de concorrencia competitiva, a través dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) seleccionados como entidades colaboradoras de Agader na xestión da medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020.

Tamén é obxecto destas bases reguladoras establecer o réxime de xustificación dos gastos en custos correntes e de funcionamento da Estratexia de desenvolvemento local (submedida 19.4A do PDR), así como establecer as bases reguladoras para a concesión e xustificación dos proxectos de animación promovidos polos GDR (submedida 19.4B do PDR).

O capítulo VII destas bases reguladoras (fichas de elixibilidade) detalla polo miúdo as especificidades propias de cada tipoloxía de operacións financiables.
 

PROXECTOS SUBVENCIONABLES

  1. Serán subvencionables os proxectos que teñan encadramento na Estratexia de desenvolvemento local de cada GDR, de forma que respondan ás prioridades e aos obxectivos especificamente recollidos na estratexia, sempre e cando cumpran as condicións de subvencionabilidade que se especifiquen nas fichas de elixibilidade recollidas no capítulo VII destas bases reguladoras.

Coas particularidades que se indican nas citadas fichas de elixibilidade destas bases reguladoras, os proxectos poderán clasificarse en produtivos e non produtivos. Con carácter xeral terán a consideración de proxectos produtivos os que supoñan a realización dunha actividade económica con fin lucrativo tendentes á produción de bens e/ou servizos e que supoñan unha creación e/ou mantemento do nivel de emprego. Pola contra, terán a consideración de proxectos non produtivos os que teñan un interese público ou colectivo e non supoñan o inicio ou desenvolvemento dunha actividade económica con finalidade lucrativa.
 
BENEFICIARIOS

  1. Con carácter xeral, e tendo en conta as particularidades que se establecen nas fichas de elixibilidade incluídas no capítulo VII destas bases, poderán ser beneficiarios das axudas tramitadas ao abeiro deste réxime de axudas:
     

      a) As persoas físicas ou xurídicas de carácter privado.

      b) As entidades públicas de carácter local ou comarcal: concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores.
      c) As comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.

FICHAS DE ELIXIBILIDADE

As fichas de elixibilidade

As fichas de elixibilidade establecidas neste capítulo reflicten as particularidades e requisitos específicos de admisibilidade aplicables a cada unha das tipoloxías de proxectos que son subvencionables e serán de aplicación as regras xerais establecidas nestas bases reguladoras para calquera cuestión non sinalada especificamente neste capítulo.

 

FICHA DE ELIXIBILIDADE I. OS INVESTIMENTOS NO SECTOR DA PRODUCIÓN AGRARIA PRIMARIA (PROXECTOS PRODUTIVOS).

Proxectos subvencionables

Por razóns de coherencia e complementariedade con outras liñas de axuda específicas do PDR de Galicia 2014-2020, non serán subvencionables, como regra xeral, os proxectos encadrables no sector da produción agraria primaria (inclúese na definición de produción agraria primaria a produción agrícola, gandeira e forestal). Non obstante, como excepción á regra xeral, serán subvencionables a través da medida Leader de Galicia 2014-2020 os investimentos seguintes:

  1. Atendendo á prioridade horizontal en todas as políticas da Unión Europea de loita contra o cambio climático e de adaptación cara a unha economía que diminúa as emisións de carbono, serán subvencionables os investimentos en explotacións agrarias que se refiran á mellora da súa eficiencia enerxética e/ou ao emprego de fontes de enerxía renovables. A explotación agraria deberá estar en funcionamento, ter declarada a facturación real pola venda dos seus produtos e deberá posuír un CEA (código de explotación agraria) ou rexistro oficial que corresponda á explotación agraria dunha antigüidade de polo menos un ano anterior á data da solicitude de axuda. A mellora da eficiencia enerxética da explotación agraria deberá quedar acreditada mediante a presentación dun plan empresarial, xunto cun informe emitido por técnico competente ou cunha auditoría enerxética. A redución dos custos derivados da mellora da eficiencia enerxética da explotación deberá acadar unha porcentaxe mínima do 40 %.
  2. Tamén serán subvencionables pequenos proxectos, ata un máximo de 30.000 € de investimento total elixible, que supoñan o inicio ou a implantación dunha actividade agrícola, gandeira ou agroforestal, sempre que esta constitúa unha actividade complementaria á actividade principal non agraria do promotor do proxecto.

Financiamento

  1. A intensidade de axuda situarase nun mínimo do 15 % e nun máximo do 50 % do investimento total subvencionable.

 

FICHA DE ELIXIBILIDADE II. OS INVESTIMENTOS EN TRANSFORMACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS AGRARIOS (PROXECTOS PRODUTIVOS).

Proxectos subvencionables

  1. Considéranse subvencionables, con carácter xeral, os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e codernización de empresas destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, considerando como tales os produtos enumerados no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, excepto os produtos da pesca.

    Así mesmo, considéranse incluídos nesta tipoloxía de proxectos os investimentos relativos a procesos de transformación nos cales interveñan produtos non incluídos no anexo I do Tratado e estes sexan un compoñente menor do produto final. Considerarase que son un compoñente menor cando a cantidade total destes non supere o 15 % do peso total do produto final. Os investimentos relativos a procesos de transformación nos cales a porcentaxe de produtos non incluídos no anexo I do Tratado supere o citado 15 % do peso total do produto final non estarán incluídos na regulación desta ficha de elixibilidade.

    Non obstante, unicamente serán elixibles os proxectos nos cales o importe total dos investimentos subvencionables non exceda a contía máxima que, por razóns de coherencia e complementariedade entre os distintos departamentos da Xunta de Galicia, estableza o PDR de Galicia para esta tipoloxía de proxectos que se poidan subvencionar a través da medida 19 (Leader) no período 2014-2020.

  2. Os investimentos deben cumprir a normativa aplicable en materia de sanidade e benestar animal, de ser o caso.

Fianciamento

  1. A intensidade de axuda situarase nun mínimo do 15 % e nun máximo do 50 % do investimento total subvencionable.

 
FICHA DE ELIXIBILIDADE III. OS INVESTIMENTOS EN TRANSFORMACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS FORESTAIS (PROXECTOS PRODUTIVOS).

Proxectos subvencionables

Inclúense nesta ficha de elixibilidade os investimentos relacionados coa transformación, utilización e/ou comercialización da madeira como materia prima que sexan anteriores á primeira transformación industrial.

Os investimentos incluídos nesta ficha de elixibilidade unicamente serán subvencionables no caso de que estean dirixidos á produción de quebrado de madeira e/ou de pellets para a xeración de enerxía e/ou fonte de calor. Poderán incluír a corta, descascadura, torado, almacenamento, tratamento de protección e secado e outras operacións de traballo anteriores á primeira transformación industrial da madeira.

Os investimentos relacionados coa transformación, utilización e/ou comercialización da madeira que sexan posteriores á súa primeira transformación industrial serán subvencionables a través da ficha de elixibilidade V (investimentos que supoñan a creación, modernización ou ampliación de todo tipo de empresas que desenvolvan actividades non agrarias).

Financiamento

  1. A intensidade de axuda situarase nun mínimo do 15 % e nun máximo do 40 % do investimento total subvencionable. O importe de axuda estará limitado a un máximo de 200.000 €.

 
FICHA DE ELIXIBILIDADE IV. OS INVESTIMENTOS QUE SUPOÑAN DIVERSIFICACIÓN DAS EXPLOTACIÓNS AGRARIAS CARA ACTIVIDADES NON AGRARIAS (PROXECTOS PRODUTIVOS).

Proxectos subvencionables

Poderán subvencionarse proxectos que, respondendo ao obxectivo xeral de mellora da calidade de vida en zonas rurais e diversificación da economía rural, impliquen o inicio ou mellora dunha actividade produtiva complementaria da propia actividade agraria que se desenvolva na explotación agraria, tales como:

  1. Elaboración e venda de produtos artesanais.
  2. Agroturismo: acondicionamento e mellora das instalacións da explotación agraria de cara a ofrecer servizos turísticos como actividades recreativas e de animación turística, espectáculos, actividades de aventura ou natureza, actividades deportivas como golf, náuticas, esquí, hípica e outras, actividades de valorización e divulgación do patrimonio cultural, balnearios e centros de talasoterapia. Os investimentos que impliquen a creación de prazas de aloxamento estarán supeditados ás limitacións sectoriais recollidas no artigo 69 destas bases reguladoras.
  3. Servizos  educativos,  culturais,  recreativos,  ambientais  asociados á valorización de patrimonio natural e/ou cultural ou a ecosistemas agrarios e/ou forestais do territorio.
  4. Prestación de servizos á poboación.

Financiamento

  1. A intensidade de axuda situarase nun mínimo do 15 % e nun máximo do 40 % do investimento total subvencionable. O importe de axuda estará limitado a un máximo de 200.000 €.

 
FICHA DE ELIXIBILIDADE V. INVESTIMENTOS QUE SUPOÑAN A CREACIÓN, MODERNIZACIÓN OU AMPLIACIÓN DE TODO TIPO DE EMPRESAS QUE DESENVOLVAN ACTIVIDADES NON AGRARIAS (PROXECTOS PRODUTIVOS).

Proxectos subvencionables

Poderán subvencionarse proxectos que, respondendo ao obxectivo xeral de mellora da calidade de vida en zonas rurais e diversificación da economía rural, supoñan a creación, ampliación e modernización de pequenas empresas, en sectores da economía distintos ao da produción agraria primaria.

Para estes efectos, entenderase por creación a posta en marcha dunha nova empresa ou, no caso de que a empresa xa tivese actividade comercial con carácter previo á solicitude de axuda, a posta en marcha dunha actividade distinta á que viñese desenvolvendo con carácter previo á data da solicitude de axuda. Considérase que a actividade é distinta cando o grupo do código nacional de actividades económicas (CNAE) correspondente á nova actividade sexa distinto do CNAE correspondente á actividade ou actividades comerciais que tivese a empresa con carácter previo á data da solicitude de axuda.

Por modernización entenderase a diversificación da produción dun establecemento en novos produtos adicionais ou un cambio fundamental na natureza da produción ou na tecnoloxía correspondente.

Os investimentos que se limiten a substituír un edificio ou unha máquina existente, ou partes deles mesmos, por un edificio ou por outra máquina nova, unicamente serán subvencionables no caso de que a substitución supoña ampliar a capacidade de produción en máis dun 25 % con respecto á que viña desenvolvendo o edificio ou a maquinaria substituída.

Financiamento

  1. A intensidade de axuda situarase nun mínimo do 15 % e nun máximo do 40 % do investimento total subvencionable. O importe de axuda estará limitado a un máximo de 200.000 €.

 
FICHA DE ELIXIBILIDADE VI. INVESTIMENTOS EN PROXECTOS NON PRODUTIVOS.

Proxectos subvencionables

Poderán subvencionarse proxectos que teñan un interese público ou colectivo, é dicir, que afecten, interesen ou beneficien dalgún xeito o conxunto da poboación ou da sociedade en xeral, e que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica.

A subvencionabilidade dos proxectos relacionados co mantemento, recuperación e rehabilitación do patrimonio cultural e natural das poboacións, das paisaxes rurais e de zonas de alto valor natural, dependerá de que o departamento da Xunta competente na materia acredite o interese da proposta ou ben estea definido como de interese no plan de mantemento, restauración, mellora ou posta en valor do patrimonio natural ou cultural que o GDR pode elaborar e que estea aprobado por Agader.

Tamén serán subvencionables, entre outros, os proxectos referidos á creación, mellora ou ampliación de todo tipo de servizos para a poboación rural como as actividades recreativas e culturais, xunto coas correspondentes infraestruturas a pequena escala. No suposto de que o proxecto, que deberá ser igualmente de interese público ou colectivo, comporte unha actividade económica por si mesmo ou de maneira coadxuvante, terá a consideración de non produtivo cando os ingresos que se xeren procedan de taxas no caso de proxectos promovidos por entidades públicas locais. No resto dos casos, tanto para os proxectos promovidos por entidades públicas locais en que os ingresos proceden de prezos públicos como nos casos de proxectos promovidos por outros promotores distintos ás entidades públicas locais, os proxectos poderán ter a consideración de non produtivos cando o beneficio neto non chegue a superar o valor de capitalización do investimento ao xuro legal do diñeiro.

Financiamento

  1. A intensidade de axuda situarase entre un mínimo do 30 % e un máximo do 90 % do investimento total subvencionable. O importe de axuda estará limitado a un máximo de 200.000 €.

 
CALENDARIO DE XESTIÓN

  1. Para a xestión da Estratexia de desenvolvemento local teranse en conta as seguintes datas:
      a) Data inicial de admisión de solicitudes: para a submedida 19.2, desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria de Agader. Para a animación da submedida 19.4, desde o día seguinte ao da publicación destas bases regulador.
       
      b) Data final de admisión de solicitudes para a primeira proposta anual de selección de proxectos: 31 de marzo de cada ano.
       
      c) Data final de admisión de solicitudes para a segunda proposta anual de selección de proxectos: 31 de maio de cada ano.
       
      d) Data final para a primeira proposta anual de selección de proxectos: 30 de xuño de cada ano.
       
      e) Data final para a segunda proposta anual de selección de proxectos: 31 de agosto de cada ano.
       
      f) Data final de pagamento dos investimentos ou gastos subvencionables polos promotores aos seus provedores: 15 de outubro de cada ano.
       
      g) Data final de xustificación de investimentos: 15 de outubro de cada ano.

 
MÁIS INFORMACIÓN

    a) Na páxina web de Agader http://agader.xunta.es
     
    b) Na Guía  de  procedementos e servizos, no enderezo: https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos
     
    c) No teléfono 981 54 73 62 (Agader).
     
    d) De xeito presencial, en Agader (lugar da Barcia nº 56, Laraño. 15897 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 73 62.
     
    e) Na sede e na páxina web dos GDR.